A nova estratexia de seguridade e saúde laboral que a Xunta deseña cos axentes sociais dará resposta aos riscos derivados das novas formas de traballo

A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, inaugurou hoxe unhas xornadas no Campus de Ferrol sobre a prevención de riscos no teletraballo

Incidiu na necesidade de que as empresas impliquen nos seus sistemas de prevención, mediante a formación, ao persoal que traballa a distancia

Chamou a atención sobre a necesidade de previr trastornos musculoesqueléticos, fomentar as relacións sociais e a desconexión por parte destas persoas traballadoras

Ferrol, 9 de maio de 2023 A nova estratexia de seguridade e saúde laboral que deseña a  Xunta de Galicia cos axentes sociais incidirá na resposta preventiva aos riscos derivados dos novos modelos laborais, como o teletraballo. A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, así o anunciou hoxe na apertura da xornada sobre As novas formas de traballo. O teletraballo e os seus riscos laborais celebrada na Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Ferrol-Esteiro, organizada en colaboración coa Universidade da Coruña e a Asociación de Graduados Sociais de Ferrol.

As recentes estratexias europea e española de seguridade e saúde no traballo contemplan a necesidade de dar resposta ás novas formas de traballo e, en concreto, aos riscos que poden aflorar ou agravarse e aos posibles danos para a saúde das persoas traballadoras. A próxima estratexia galega 2023-2027 de seguridade e saúde laboral, neste eido, dará “presenza importante” a actualización da resposta ante estes riscos, unha problemática que xa se está a poñer nun primeiro plano, indicou Quinzá-Torroja, na negociación que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén cos axentes sociais para perfilar ese marco e enfrontar os cambios que no eido laboral se deriven da transformación ecolóxica, dixital e demográfica.

O novo escenario laboral derivado da covid expandiu o traballo a distancia, puxo como exemplo a representante do Issga, quen reivindicou a necesidade de “ identificar e avaliar os seus riscos e adoptar as medidas preventivas para evitar ou minimizar as súas consecuencias para a saúde do persoal traballador”.

O traballo a distancia trae importantes beneficios como a conciliación da produtividade e racionalización de horarios, a atracción e retención do talento ou a redución do absentismo. “Con todo, tamén pode afectarlle á saúde musculoesquelética ou mental debido aos longos períodos de traballo con pantallas de visualización, o illamento, unha maior inactividade física, os límites difusos entre traballo remunerado e vida privada ou o estrés”, especificou Quinzá-Torroja.

Desde a óptica da prevención, a Xunta está xa a incidir para que as empresas garantan para o teletraballo  o mesmo nivel de seguridade e saúde que o resto do persoal traballador. Neste eido, a xerente do Instituto avogou por implicar ao persoal que teletraballa, mediante a formación, no proceso da avaliación de riscos. “É importante para as persoas que están a teletraballar que incorporen hábitos saudables mentres desenvolven esta actividade, por exemplo elixir un lugar agradable para facer teletraballo; organizar e priorizar; desconectar; cambiar o ritmo na rutina de teletraballo; coidar as costas e o pescozo; e conectar con outras persoas”, aportou Adela Quinzá.

As xornadas de hoxe  puxeron o foco nas actuacións preventivas en teletraballo, tanto dende a perspectiva da psicosocioloxía, como os aspectos derivados da desconexión dixital e a diversidade. “Somos conscientes da necesidade de poñer ao mesmo nivel a prevención e a protección dos factores físicos e psíquicos dos que poden derivarse riscos para a saúde nos postos de traballo e reducir danos en forma de accidentes ou enfermidades relacionadas co traballo”, especificou a xerente do Issga, quen matizou que no caso do teletraballo existe dificultade para un efectivo control polo que “é preciso poñer o acento no efectivo e real cumprimento das medidas preventivas”.  

Coa campaña Teletraballa con prevención do Issga, a Xunta de Galicia está a poñer tamén o acento nas recomendacións e as medidas preventivas máis apropiadas para desenvolver o traballo a distancia nas mellores condicións de seguridade e saúde.

A xornada de hoxe puxo punto final aos actos programados polo Issga con motivo da conmemoración do Día mundial da seguridade e saúde no traballo que nesta edición avogou polas contornas seguras e saudables como un dereito fundamental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/05/2023