Xunta e Universidade de Santiago colaboran co centro de estudos cooperativos na realización de accións de investigación e formación no eido da economía social

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o reitor da USC, Antonio López, asinaron unha edición máis o convenio que establece as bases desta cooperación

Santiago de Compostela, 17 de maio de 2023

A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) asinaron un ano máis o convenio de colaboración para apoiar as actividades de investigación, formación e divulgación que realiza o Centro de Estudos Cooperativos (Cecoop) no ámbito da economía social. En concreto, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou o acordo co reitor da USC, Antonio López.

O departamento autonómico cooperará no desenvolvemento de diferenes actividades ao longo deste ano como son, entre outras, a promoción da investigación, a realización de actuacións de formación, difusión e divulgación e o fomento do coñecemento xurídico e normativo. Polo miúdo, entre outros, a Administración autonómica colaborará co Centro de Estudos Cooperativos na elaboración de traballos de investigación, no fomento da participación de estudantes universitarios en traballos de investigación ou estudos especializados, na organización de seminarios, xornadas, nas actividades que realiza a Universidade a través da Rede Eusumo e no deseño e elaboración dun informe sobre economía social en Galicia cos datos de 2022, continuando cos elaborados para os anos 2019, 2020 e 2021.

A economía social é un eido prioritario para a Administración autonómica que está a impulsar diferentes programas neste ámbito, xa que é un modelo que favorece a cohesión social e o crecemento económico nas contornas e, polo tanto, é unha opción para xerar emprego en Galicia que arraigue no territorio.

Entre outros, a Xunta conta coas axudas do Aprol Economía Social, que fomenta o emprego nas cooperativas e na que os incentivos se incrementan nun 25% no caso das cooperativas xuvenís ou do programa ES-Transforma, que convoca cada ano, para converter os negocios sen relevo xeracional en cooperativas ou sociedades laborais e na que tamén as persoas mozas perciben maiores apoios.

Data de actualización: 17/05/2023