Rueda reuniuse co representante diplomático do Reino de Noruega en España, Nils Haugstveit

O presidente da Xunta recibe o embaixador de Noruega co obxectivo de afianzar as relacións institucionais e comerciais entre Galicia e o país escandinavo

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recibiu o embaixador de Noruega, Nils Haugstveit, co obxectivo de afianzar as relacións institucionais e comerciais entre Galicia e o país escandinavo. O titular do Goberno galego reuniuse esta mañá co representante diplomático do Reino de Noruega, un encontro que tivo lugar nas dependencias da Presidencia en San Caetano.

Noruega mantén unhas estreitas relacións con España que, no caso de Galicia, son aínda máis intensas polos intereses mutuos en sectores relacionados co mar, tanto na pesca como na industria derivada dos seus produtos. Ademais, o país escandinavo mantén acordos estables coa industria naval española; en particular, cos estaleiros galegos, tanto na construción e mantemento de buques para a Armada norueguesa como nas actividades vencelladas coa náutica.
 
Na actualidade son máis de 300 as empresas galegas que exportan os seus produtos a Noruega. Nas relacións comerciais co país nórdico, Galicia está interesada, fundamentalmente, en sectores como as infraestruturas de transporte, as enerxéticas, a construción naval, as enerxías renovables e a acuicultura.
 
Ante o crecente interese que amosan os cidadáns noruegueses pola cultura galega, o presidente da Xunta animou o embaixador a promover Galicia como destino entre a súa poboación, á que convidou a facer o Camiño de Santiago. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2023