O presidente da Xunta recibiu no Pazo de Raxoi o equipo que acaba de disputar a final en Turquía

Rueda felicita o Mecalia Atlético Guardés pola súa Medalla de Prata na Copa de Europa de balonmán feminino

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, felicitou hoxe o Mecalia Atlético Guardés pola súa Medalla de Prata na Copa de Europa de balonmán feminino. O titular do Goberno galego, acompañado do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu no Pazo de Raxoi o equipo da Guarda que acaba de disputar a final en Turquía, onde acadou a segunda posición da competición europea.

“Para nós gañastes”, transmitiulles o mandatario galego ás xogadoras, ás que lle recoñeceu o “mérito” de acadar este posto, xa que é o primeiro equipo do balonmán feminino galego que chega a unha final europea. Rueda tamén lles deu os seus parabéns —que estendeu a todo o equipo técnico— pola entrega e polo futuro que lles agarda, confiando en que, en posteriores citas nos campionatos internacionais, as xogadoras galegas acaden o máis alto do podio.
 
O titular do Goberno galego enxalzou a traxectoria dun conxunto pioneiro na liga nacional que xa no seu día recibiu o premio Deporte Galego ao mellor equipo feminino de Galicia e que estivo dez tempadas seguidas xogando en Europa. Por todo este esforzo, considerou necesario o recibimento institucional ofrecido. “É como se vos recibise toda Galicia porque, se somos un grande equipo, vós sodes un dos grandes equipos de Galicia”, aseverou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2023