A Xunta destaca en Madrid a BFMedicines como exemplo de colaboración público-privada no descubrimento de fármacos

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou na XVI Conferencia anual de plataformas de investigación biomédica, onde tamén expuxo as accións do programa Ignicia para impulsar a chegada dos resultados da ciencia ao mercado

Madrid, 23 de maio de 2023
Compartir
  • whatsapp

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta mañá na mesa redonda Estratexia para o fomento da colaboración en investigación preclínica no marco da XVI Conferencia anual de plataformas de investigación biomédica en Madrid. Argerey expuxo, neste marco, a iniciativa de innovación aberta e codesenvolvemento público-privado de descubrimento de fármacos Business Factory Medicines (BFMedicines), posta en marcha pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Kærtor, a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) e as compañías farmacéuticas Janssen e Lilly.  

A directora da Axencia Galega de Innovación destacou que a BFMedicines conecta a toda a cadea de valor no descubrimento de fármacos, dende Kærtor e a Fundación científica da AECC ata as compañías farmacéuticas Janssen e Lilly co financiamento da Xunta de Galicia, e incorpora unha metodoloxía novidosa, máis rápida e económica, que xa fora testada na iniciativa Incubation Innovation in Drug Discovery (I2D2), a incubadora de descubrimento temperán de fármacos posta en marcha pola Xunta de Galicia, a Fundación Kærtor e Janssen en 2017.

Argerey destacou tamén a oportunidade que supón a colaboración entre Comunidades Autónomas no Programa de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde, dentro dos Plans Complementarios de I+D+i do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia cofinanciado con cargo a fondos NextGenerationEU.

Ambas iniciativas, a Business Factory Medicines e a participación no Programa de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde, inscríbense na Estratexia de Consolidación do Sector Biotecnolóxico en Galicia, que aspira a posicionar a comunidade como un polo de referencia neste sector.

Argerey destacou as amplas capacidades do ecosistema de biotecnoloxía en saúde galego e o esforzo realizado para favorecer o emprendemento, o crecemento e a atracción de empresas cara a Galicia. Por último, Argerey explicou o programa Ignicia Transferencia, da Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Barrié, que ten como obxectivo impulsar a transferencia do coñecemento xerado nos centros de investigación.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/05/2023