O presidente da Xunta participou no acto de entrega de diplomas e medallas da Policía Local na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) da Estrada

Rueda eloxia o labor dos axentes da Policía Local como servidores públicos e o seu papel para garantir a seguridade da cidadanía galega

A Estrada (Pontevedra), 24 de maio de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, eloxiou esta mañá o labor e o traballo dos axentes da Policía Local como servidores públicos e como ferramenta para “garantir a seguridade e liberdade” da sociedade galega.

Nun acto na Estrada no que estivo acompañado polo vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, o titular do Executivo participou na entrega de diplomas ás promocións do 2019, 2020 e 2021 formadas na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), das que puxo en valor o seu “orgullo e sacrificio”.
 
Ademais, tamén se entregaron nove medallas á traxectoria profesional a axentes en servizo en diversos puntos de Galicia e varias distincións en recoñecemento no desempeño do seu labor. A este respecto, o mandatario galego quixo salientar a entrega destes profesionais que “foron máis alá do cumprimento do seu deber” con comportamentos que cualificou de “exemplares”.
 
Aproveitando a conmemoración do Día da Festividade dos Policías Locais de Galicia, Rueda referiuse ao valor, a profesionalidade e á responsabilidade individual e colectiva duns traballadores que se sitúan sempre en primeira liña. Neste sentido, destacou o seu amplo abano de competencias, que van desde velar polo correcto funcionamento dos servizos públicos ata auxiliar a calquera veciño que o precise, entre outras situacións. “En Galicia a Policía local goza dun respaldo e recoñecemento moi forte entre a veciñanza na que prestan os seus servizos”, valorou.
 
O presidente aproveitou tamén para enxalzar a calidade e a variedade da formación que os axentes reciben na AGASP, unhas instalacións que, afirmou, contribúen a que a liberdade e a convivencia estea regulada e defendida por uns profesionais comprometidos cos principios democráticos e coa poboación á que serven.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/05/2023