A Xunta celebra que a Eurocámara declare as conservas de peixe “produtos sensibles” ante o posible acordo de libre comercio da UE con Tailandia

Esa consideración aparece nunha das emendas do eurodeputado galego Francisco Millán Mon ao informe que acompaña o acordo de asociación e cooperación entre as partes e que foi aprobada pola Comisión de Exteriores do Parlamento Europeo

O Executivo galego pide que Bruxelas e os estados membros tomen nota da votación e adopten as medidas oportunas para que o sector transformador da comunidade non se vexa prexudicado por ese posible protocolo comercial

A Comunidade lembra que a apertura do mercado europeo ás conservas tailandesas libres de aranceis sería un duro golpe para as empresas galegas pois Tailandia é o primeiro produtor mundial, o seu principal competidor e non cumpre os rigorosos estándares ambientais, laborais ou sanitarios que se exixen en Europa

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2023 A Xunta de Galicia celebra que a Comisión de Exteriores do Parlamento Europeo aprobase onte que as conservas de peixes e mariscos da Unión Europea reciban a consideración de “produtos sensibles” nas negociacións que están a manter as autoridades comunitarias e Tailandia para pechar un acordo de libre comercio.

Esta medida adoptouse trala aprobación dunha das emendas presentadas polo eurodeputado galego Francisco Millán Mon ao informe que acompaña o acordo de asociación e cooperación entre a Unión Europea e Tailandia, en proceso de negociación neste momento.

Galicia agarda que o Executivo comunitario e os estados membros tomen nota da votación da Comisión de Exteriores e adopten as medidas oportunas para que o sector transformador de produtos do mar da Comunidade non se vexa prexudicado por ese posible protocolo comercial. A apertura do mercado europeo ás conservas tailandesas libres de aranceis sería un duro golpe para as empresas galegas pois Tailandia é o primeiro produtor mundial e o seu principal competidor.

O Executivo galego lembra que os produtores de países asiáticos coma este non cumpren os estándares ambientais, laborais e hixiénico-sanitarios que se exixen en Europa, polo que o acceso libre das súas conservas ao mercado comunitario suporía unha desvantaxe competitiva para as empresas galegas.

Por iso, a Comunidade defende a necesidade de que existan as mesmas regras de xogo para todos e rexeita un acordo de libre comercio que causaría un dano irreversible á industria transformadora de produtos do mar. Nesta liña, Galicia aposta pola exclusión do atún do acordo de libre comercio e o establecemento de normas sólidas e equitativas que garantan a igualdade de condicións no resto de produtos pesqueiros.

Ante esta situación, a Xunta pedirá ao Goberno central que interceda ante Bruxelas e defenda un sector que é referente no conxunto da Unión Europea, con estándares de calidade moi elevados, innovador e competitivo, tractor da economía de moitas localidades costeiras de Galicia, xerador de emprego, chave para garantir a soberanía alimentaria europea e resiliente, como demostrou nos momentos máis duros da pandemia pola covid-19.

 

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 25/05/2023