Lorenzana avoga por crear contornas de traballo inclusivas e diversas baseadas na sustentabilidade social empresarial

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na inauguración da xornada Por talento emprende, organizada por Inserta Empleo en Santiago de Compostela

Destacou que a futura Lei de igualdade de Galicia recoñecerá a discriminación múltiple e interseccional da muller
 

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2023 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe en Santiago de Compostela pola creación de contornas de traballo inclusivas e diversas xestionadas baixo o concepto da sustentabilidade social empresarial. Na apertura da xornada de Inserta Empleo, Por talento emprende, Lorenzana fixo fincapé na importancia de levar a cabo accións para acadar un emprego inclusivo, poñendo en marcha medidas específicas de emprego en igualdade de condicións e de oportunidades e que tamén se extenden ao eido do emprendemento.

“É preciso que as empresas se comprometan con equipos diversos, non só en canto a xénero, senón tamén con distintas capacidades ou diferentes idades, entre outros”, indicou, ao tempo que afirmou que “as empresas que apostan por un modelo sustentable son iguais ou máis produtivas”.

Neste senso, sinalou que a sustentabilidade social empresarial convertirase coa nova Lei de igualdade de Galicia nun dos eixos fundamentais para loitar contra a discriminación da muller no eido laboral e para facer efectiva a igualdade de oportunidades na comunidade.

Tamén salientou que a futura normativa, que se aprobou o pasado venres no Consello da Xunta, e que inicia agora a súa tramitación parlamentaria, recoñecerá a discriminación múltiple e interseccional da muller, que corresponde aos supostos nos que varias causas dificultan inda máis o desenvolvemento persoal e social das afectadas, como poden ser de discapacidade, de etnia, idade avanzada, de orientación sexual, de pobreza, de inmigración, de situación de trata etc.

A conselleira, así mesmo, recordou o compromiso da Xunta co emprego inclusivo e lembrou que na actualidade estase a desenvolver o Plan emprega discapacidade exclusión-social con oito programas para impulsar e fomentar a inclusión no mercado de traballo daqueles colectivos con maiores dificultades para o seu acceso.

Lorenzana, por último, referiuse á importancia de apoiar o emprendemento en Galicia, xa que supón o 97% do tecido produtivo na comunidade, e, ao respecto, sinalou que a Xunta traballa para tecer unha rede de emprendemento a través dos polos de emprendemento e apoio ao emprego. É unha rede que naceu en xullo de 2022 e que na actualidade conta con 8 polos en activo dos 15 que conformarán a rede, atendendo ao 100% da xeografía galega.

En definitiva, a conselleira apuntou para rematar que “a integración laboral é unha necesidade social e esencial, porque o acceso ao emprego é o elemento decisivo para que unha persoa poida participar de xeito íntegro na sociedade”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/05/2023