A Xunta adxudica por case 159.000 € o proxecto para construír 18 vivendas públicas en San Paio de Navia

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2023 A Xunta de Galicia adxudicou esta semana por preto de 159.000 euros o contrato para a redacción do proxecto e dirección de obra para a construción de 18 vivendas de promoción pública (VPP) na parcela M-IVA-9 do polígono 1 da ampliación de San Paio de Navia, en Vigo.

O adxudicatario disporá dun prazo de mes e medio para a redacción do proxecto básico e de dous meses e medio máis para a redacción do proxecto de execución. Os prazos contaranse a partir da data de sinatura do contrato.

Así mesmo, onte tamén se formalizou o contrato coa empresa á que se lle adxudicou o pasado mes de abril o servizo para a dirección de obra e a redacción do proxecto construtivo doutro grupo de 18 vivendas no mesmo polígono 1 de Navia.

Data de actualización: 25/05/2023