O 061 de Galicia adestra en soporte vital básico a 170 escolares da Estrada co gallo do Día Internacional das Urxencias e Emerxencias

Desde o ano 2009 Urxencias Sanitarias de Galicia-061 desenvolve o programa RCP na aula que formou a máis de 17.800 escolares en técnicas de reanimación cardiopulmonar básica

A aplicación de manobras de reanimación cardiopulmonar básica desde o inicio da parada cardiorrespiratoria incrementa notablemente as posibilidades de supervivencia e diminúe as posibilidades de sufrir secuelas

A Estrada (Pontevedra), 26 de maio de 2023

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 organizou hoxe unha xornada formativa sobre soporte vital básico e técnicas de reanimación cardiopulmonar básica na que participaron 170 escolares do concello da Estrada co gallo do Día internacional das urxencias e emerxencias, que se celebra mañá. Ao acto asistiron o concelleiro de Sanidade, Turismo e Relacións Institucionais do concello da Estrada, Miguel Óscar Rancaño Brañanova, e a directora de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Adriana Regueira Pan.

A formación, que tivo lugar no recinto feiral Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, estivo impartida por 20 instrutores -técnicos en emerxencias sanitarias do 061 de Galicia, persoal sanitario de Atención Primaria da Estrada e membros do Grupo de emerxencias supramunicipal deste concello-. Nela, participaron 170 nenos de entre doce e trece anos que actualmente cursan primeiro da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) nos diferentes centros escolares da Estrada.

Precisamente, é este grupo de idade, o que se considera máis efectivo para ser adestrado en técnicas de reanimación cardiopulmonar e soporte vital básico; tanto para aprendelas, e poñelas en práctica, como para ensinalas a outras persoas que as descoñezan. Por este motivo, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, implantou no ano 2009 o programa RCP na aula que instrúe nas técnicas de soporte vital básico a escolares de primeiro da ESO.

Máis de 17.800 escolares formados

O programa RCP na aula comezou na cidade de Lugo coa formación dos profesores dos centros educativos que á súa vez ensinaban aos nenos a realizar as manobras de soporte vital básico. Posteriormente foi implantándose no resto de concellos galegos ata estenderse a toda a Comunidade Autónoma galega. Cómpre salientar que actualmente o programa RCP na aula leva formados 17.887 escolares nestes 14 anos.

Por último é importante subliñar a importancia do coñecemento da poboación das técnicas de soporte vital básico no caso de atoparse nunha situación na que sexan os primeiros intervenientes ante unha persoa que sofre unha parada cardiorrespiratoria.

Nos casos nos que se aplicaron manobras de reanimación cardiopulmonar básica desde o inicio do paro cardiorrespiratorio as posibilidades de supervivencia e a diminución das posibilidades de sufrir secuelas incrementáronse notablemente.

Nestas situacións resulta imprescindible chamar ao 061 para que os médicos coordinadores da Central de Coordinación podan transmitir as indicacións a seguir durante a realización da reanimación cardiopulmonar, ao tempo que se achega ata o punto a unidade de soporte vital avanzado que trasladará o paciente ao centro hospitalario de referencia.

Lembre que o 061 de Galicia é o servizo de atención ás urxencias e ás emerxencias extrahospitalarias, as 24 horas do día e os 365 do ano, e que moitas vidas poden ser salvadas se son tratadas do xeito adecuado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/05/2023