A Xunta licita por máis de 680.000 euros as obras de ampliación e redistribución de espazos na Delegación Territorial de Ferrol

A Plataforma de Contratos de Galicia publica hoxe o inicio do procedemento de contratación desta actuación que conta cun prazo de execución de cinco meses

As obras contemplan a anexión dun novo local de oficinas situado na entreplanta do edificio lindeiro e a redistribución de espazos no sétimo andar

As empresas interesadas en presentar as súas ofertas teñen de prazo ata o próximo 22 de xuño

Ferrol, 26 de maio de 2023

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes licita as obras de ampliación e redistribución de espazos na Delegación Territorial da Xunta en Ferrol por un importe de 681.853 euros.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a contratación destas actuacións que dispoñen dun período de execución de cinco meses. As empresas interesadas en presentar as súas ofertas teñen de prazo ata o próximo 22 de xuño.

A intervención contempla a ampliación da superficie do primeiro piso do edificio administrativo coa anexión dun novo local de oficinas situado na entreplanta do inmoble lindeiro realizando unha conexión entre ambos.

Estas novas dependencias albergarán os servizos do Instituto Galego de Consumo e da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades que disporán dunha maior superficie acorde ás necesidades de atención ao público que requiren estas unidades. As obras inclúen tamén a redistribución dos espazos do sétimo andar.

Os traballos a executar inclúen a demolición de tabiques, dun aseo anexo ao ascensor na primeira planta e a desmontaxe do falso teito coa fin de executar novas particións interiores así como unha rampla para salvar o desnivel existente entre forxados. Habilitaranse tamén novos servizos hixiénicos e se acometerán as instalacións de fontanaría, electricidade, telecomunicacións, iluminación, climatización, ventilación e saneamento pertinentes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/05/2023