A Xunta pon en marcha unha nova liña de axudas para a aceleración das artes escénicas galegas cunha inxección de máis de 330.000 euros

O DOG publica hoxe as bases destas subvencións para proxectos que favorezan o crecemento do tecido empresarial e profesional no sector, a súa transformación dixital, a interconexión con outros sectores e un mellor acceso ao financiamento
 

Os criterios de selección priman as empresas de recente creación, a estabilidade laboral, a xeración de emprego feminino e de menores de 30 anos, o uso do galego ou a existencia dun plan de negocio previo, entre outros factores
 

Poderá beneficiarse unha decena de iniciativas con ata 42.000 euros en cada caso e o prazo estará aberto ata o 29 de xuño
 

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases dunha nova liña de subvencións da Xunta de Galicia, a través da que se inxectarán 336.000 euros na aceleración cultural das artes escénicas galegas. O obxectivo desta convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, é impulsar a profesionalización empresarial do sector a través de proxectos que doten as entidades subvencionadas das ferramentas necesarias para mellorar as súas habilidades emprendedoras e financeiras no marco das industrias culturais.

O prazo de solicitude destas axudas permanecerá aberto desde mañá e ata o 29 do vindeiro mes de xuño para pemes, microempresas ou persoas traballadoras autónomas que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia nos ámbitos do teatro, danza, novo circo e maxia. Establécese unha achega máxima de 42.000 euros por proxecto, que pode supoñer ata o 80 % do orzamento subvencionable, de xeito que poderán beneficiarse desta convocatoria ata 10 iniciativas.  
 

Reforzo do tecido empresarial e profesional

Os proxectos deberán especificar en detalle as accións de aceleración e/ou investimento encamiñadas a acadar os obxectivos de acelerar o crecemento do tecido empresarial e profesional do sector, impulsar a súa transformación á cultura dixital e a incorporación de novas tecnoloxías, favorecer as interconexións entre as industrias culturais e entre estas con outros sectores económicos, e favorecer o acceso ao financiamento.

Con tales fins, deberanse contemplar diferentes accións de aceleración e investimentos vinculados a catro liñas de gastos subvencionables: acompañamento ás empresas, formación, mediación, incubación ou mentoría en materia de comunicación, márketing, internacionalización ou financiamento; participación en xornadas, talleres e seminarios; apertura de novas liñas de negocio e/ou novos mercados, e transformación dixital. 

Criterios automáticos e técnicos

Para a selección das propostas seguirase un baremo de criterios automáticos e técnicos, que primará, entre outros aspectos, as empresas de recente creación, a estabilidade do persoal contratado, a xeración de emprego feminino, de menores de 30 anos e de persoas con discapacidade, o uso da lingua galega, a existencia previa dun plan de negocio ou a viabilidade, sustentabilidade ou potencial crecemento do proxecto.

A Axencia Galega das Industrias Culturais xestiona este novo programa de aceleración cultural con financiamento dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Entronca, neste sentido, co Plan Xeración Cultura, a folla de ruta que xa está en marcha para reforzar con novas iniciativas o momento de creación e expansión do sector cultural galego cunha batería de máis de medio cento de iniciativas. Entre elas inclúese a nova aceleradora musical Sonemerxente, que a Xunta está a desenvolver coa Fundación Paideia como entidade colaboradora. Nese caso, o traballo deu comezo a  finais de marzo cunha primeira fase na que unha decena de artistas e grupos seleccionados están a ser titorizados por primeiras figuras da industria musical a nivel estatal e internacional.

 Ao tempo, a convocatoria publicada hoxe súmase ao programa anual de axudas ás artes escénicas que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades convoca a través do seu departamento de Industrias Culturais. Neste caso, a finalidade é apoiar a creación de novos espectáculos, a súa distribución dentro e fóra de Galicia, a organización de festivais e a programación de salas privadas, a través de cadansúa liña de subvencións cun investimento conxunto próximo aos 1,45 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2023