A Xunta amplía o prazo de presentación da solicitude única das axudas da PAC ata o vindeiro día 15 de xuño

A orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia establece tamén que, unha vez finalizado este prazo, os solicitantes poderán modificar a solicitude ata o 30 de xuño incluído

Estas e outras modificacións na lexislación da PAC introdúcense tanto por esixencias técnicas como pola adecuación á nova normativa de aplicación

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se amplía ata o vindeiro día 15 de xuño o prazo de presentación da solicitude única das axudas da Política Agraria Común (PAC). Ademais, establécese tamén que, unha vez finalizado este prazo, os solicitantes das achegas poderán modificar a solicitude ata o 30 de xuño incluído. Estas e outras modificacións na lexislación da PAC introdúcense tanto por esixencias técnicas como pola adecuación á nova normativa de aplicación.

Así, tense en conta o Real decreto-lei 4/2023, do 11 de maio, polo que se adoptan medidas urxentes fronte á seca e as consecuencias da invasión rusa de Ucraína. Esta norma regula unha adaptación de diversos prazos e condicións para a campaña 2023 da PAC que, en particular, afecta aos prazos de presentación e modificación da solicitude única na presente campaña.

Ademais, a consecuencia do proceso de xestión da primeira modificación do Plan Estratéxico da PAC, múdanse dous artigos da orde coa finalidade de que a degresividade poida aplicarse sen deixar ningunha superficie comprometida sen axuda. A maiores, tamén se modifica outro artigo para aliñar os compromisos da axuda cos obxectivos da agricultura ecolóxica, polo que se elimina o compromiso de comercialización. En todo caso, a disposición adicional quinta da orde da PAC condiciona o disposto nela a que a Comisión Europea dite a decisión de aprobación desta modificación. 

Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230530/AnuncioG0426-290523-0003_gl.html

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/05/2023