A Xunta aproba o Plan de medidas correctoras para reducir a afección acústica xerada pola rede de estradas autonómicas, ás que destinará case 8,2 M€

O Plan de acción determina as intervencións prioritarias no caso de superación dos obxectivos de calidade acústica a partir da información proporcionada polos Mapas Estratéxicos de Ruído

Das 734 zonas onde é necesario actuar, selecciónanse 45 prioritarias, correspondentes a 20 estradas autonómicas que acadan unha lonxitude de 45,85 km

Destas 45 zonas prioritarias, 17 atópanse na provincia da Coruña, 4 na de Lugo, 3 na de Ourense e 21 na de Pontevedra

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 30 maio de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da aprobación do expediente de información pública e do Plan de medidas correctoras para reducir a afección acústica xerada pola rede de estradas de titularidade da Xunta, ás que destinará un investimento de 8,19 millóns de euros.

Este Plan de acción contra a contaminación acústica da rede autonómica de estradas parte da información proporcionada polos Mapas Estratéxicos de Ruído, aprobados en setembro de 2021, e permite determinar as accións prioritarias no caso de superación dos obxectivos de calidade acústica establecidos pola normativa vixente en materia de ruído.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230530/AnuncioG0181-150523-0002_gl.html

O Plan aprobado establece 4 liñas de actuación para os próximos cinco anos: actuacións preventivas, actuacións de xestión, actuacións correctivas e actuacións divulgativas e educativas.

As actuacións correctivas son de aplicación nas situacións onde se incumpren os obxectivos de calidade acústica e é necesario aplicar medidas correctoras para reducir a afección acústica producida polas estradas.

A partir dos resultados dos Mapas Estratéxicos de Ruído e da correlación entre o grado de incumprimento e a cantidade de poboación afectada por unidade de superficie, das 734 zonas onde é necesario actuar, selecciónanse 45 prioritarias. Esas zonas prioritarias acadan unha lonxitude total de 45,85 km.

Para estas 45 zonas, o Plan propón unha serie de medidas correctoras para reducir a afección acústica xerada polas estradas autonómicas. O investimento estimado que destinará a Xunta ao conxunto de actuacións propostas ascende a preto de 8,2 M€.

Máis en detalle, destas 45 zonas de actuación prioritaria correspondentes a 20 estradas autonómicas 17 atópanse na provincia da Coruña, cunha lonxitude total de 16,03 km; 4 atópanse na provincia de Lugo, cunha lonxitude total de 3,93 km; 3 na provincia de Ourense, cunha lonxitude total de 1,05 km; e 21 na provincia de Pontevedra, cunha lonxitude total de 24,84 km.

A tipoloxía das actuacións correctivas que se desenvolverán no marco do Plan de acción contra a contaminación acústica nestas 45 zonas de actuación prioritaria van encamiñadas, principalmente, ao calmado do tráfico, mediante a limitación da velocidade, a reordenación da sección da estrada e a eliminación de zonas de adiantamento; e á redución do ruído xerado polo pavimento, mediante a súa renovación ou o emprego de pavimentos fonoabsorbentes.

No caso de edificios sensibles afectados, como centros educativos, recóllese a mellora do illamento da fachada.

Tamén se propón, nalgúns casos, a instalación de pantallas acústicas, a regulación semafórica para creación de ondas verdes, a eliminación de bandas transversais de alerta e a restrición de tráfico pesado a certas horas. 

Zonas de servidume acústica

Paralelamente á elaboración do plan, e en desenvolvemento dunha das actuacións preventivas recollidas nel, delimitáronse as zonas de servidume acústica dos grandes eixes viarios da rede autonómica de estradas de Galicia.

A este respecto, o artigo 10 da Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, establece que os sectores do territorio afectados polo funcionamento ou desenvolvemento das infraestruturas de transporte viario, así como os sectores do territorio situados no entorno de tales infraestruturas, existentes ou proxectadas, poderán quedar gravados por servidumes acústicas. 

Ao igual que o plan, a delimitación das zonas de servidume acústica dos grandes eixes viarios da rede autonómica de estradas realizouse a partir dos Mapas Estratéxicos de Ruído, establecendo estes mapas como escenario de referencia e conformando o seu ámbito de delimitación.  

A delimitación das zonas de servidume acústica é unha ferramenta para evitar que se creen novas situacións de conflito arredor das estradas autonómicas. Neste caso, delimitáronse zonas de servidume acústica nas 83 unidades de Mapas Estratéxicos de ruído, que inclúen 69 estradas autonómicas, cunha lonxitude total de 549,46 km.

Nos sectores do territorio gravados por servidumes acústicas as inmisións poderán superar os obxectivos de calidade acústica aplicables ás correspondentes áreas acústicas e poderán establecerse limitacións para determinados usos do solo, actividades, instalación ou edificacións, coa finalidade de, polo menos, cumprir os valores límites de inmisión establecidos para aqueles.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/05/2023