Rueda resalta que a Xunta destina 14,6 M€ a axudas para impulsar o uso de enerxías renovables térmicas en empresas, administracións e entidades sen ánimo de lucro

Asegura que a previsión é “mobilizar 33,4 M€” en investimentos para instalar sistemas xeotérmicos, solares térmicos ou de biomasa

Destaca que con estas achegas se busca reducir as emisións de CO2 “equivalentes a plantar 1,3 millónes de árbores” e acadar “aforros de ata 3,6 millóns de euros na factura eléctrica ao ano”

O Concello da Xunta avaliou hoxe as novas convocatorias destinadas a administracións e entidades do terceiro sector sen actividade económica, así como a liña dirixida ao tecido empresarial
 

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego inviste 14,6 millóns de euros en dúas liñas de axudas para impulsar as enerxías renovables térmicas e reducir os custos enerxéticos en todos os eidos. En concreto, o Consello avaliou esta mañá a nova convocatoria para o fomento de enerxías renovables térmicas en administracións e entidades do terceiro sector, así como a ampliación da liña dirixida a empresas.

Rueda explicou que a previsión é que estas achegas “permitan mobilizar 33,4 millóns de euros” en investimentos para instalar “caldeiras de biomasa” ou sistemas “xeotérmicos, solares térmicos, de aerotermia” ou hidrotermia.

O presidente do Goberno autonómico asegurou que a través do uso desta enerxía renovable  búscase “acadar aforros de 3,6 millóns de euros ano na factura da electricidade” e poderanse reducir as emisións de CO2 “equivalentes á plantación de 1,3 millóns de árbores”. En canto ao consumo, a previsión é favorecer aforros anuais de 95.000 MWh/ano.

A Xunta activará nas vindeiras semanas a liña dirixida a administracións locais, entidades públicas e tamén privadas sen ánimo de lucro. De concorrencia non competitiva, apoiará o uso de biomasa, xeotermia, hidrotermia, aerotermia e solar térmica con axudas que alcanzarán o 70 % de intensidade.

Por outra parte, amplíase o orzamento da convocatoria destinada a empresas para o uso do mesmo tipo de fontes renovables. Nesta liña, as axudas serán dun 35 % no caso de grandes compañías, un 40 % para as medianas e un 45 % no caso das pequenas.

Preténdese non só a redución dos custos enerxéticos e a mellora da calidade de vida ligada ao coidado medioambiental, senón tamén contribuír á dinamización económica e a un cambio cultural necesario para abordar a transición enerxética en todos os eidos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/06/2023