A directora xeral de Patrimonio Natural participou hoxe en Ribas de Sil nun dos talleres organizados no marco da Semana europea dos xeoparques 2023

A Xunta pon ao Xeoparque Montañas do Courel como exemplo da aposta pola educación ambiental para sumar ás novas xeracións ao coidado da contorna

Belén do Campo subliña a estreita colaboración da Xunta co órgano xestor deste espazo natural, que tamén está recoñecido como Zona de especial conservación Ancares-Courel e forma parte da Reserva de biosfera Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel

Ribas de Sil (Lugo), 1 de xuño de 2023

A Xunta puxo hoxe en valor o Xeoparque Montañas do Courel como un exemplo vivo da aposta pola educación ambiental e a concienciación para achegar ás novas xeracións á súa contorna natural e sensibilizalos sobre a necesidade de contribuír á súa protección e conservación.

Así o salientou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, que participou nun dos talleres didácticos organizados na praia fluvial de Ribas de Sil no marco do III Encontro Xeopícaros Montañas do Courel, unha xornada de convivencia promovida polos xestores deste espazo natural con motivo da Semana europea dos xeoparques, que se celebra entre o 1 e o 11 de xuño.

Preto de 250 escolares pertencentes a 4 centros de Infantil, Primaria e Secundaria de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil —os tres municipios que conforman o Xeoparque Mundial— participaron ao longo de toda a mañá nunha serie de actividades e obradoiros lúdico-educativos co obxectivo común de ensinarlle á rapazada diferentes aspectos e curiosidades sobre as Montañas do Courel.

Concretamente, a directora xeral incorporouse ao último dos talleres programados, que baixo o título Estampado da natureza e a xeoloxía permitiu aos participantes achegarse á contorna e á riqueza xeolóxica da zona poñendo a proba a súa creatividade, deseñando a súa propia mochila mediante o emprego de tintas naturais das rochas do propio xeoparque e o estampado de plantas.

Tras felicitar aos organizadores por apostar por iniciativas divulgativas tan acertadas como esta, do Campo subliñou a estreita colaboración que mantén a Xunta co órgano xestor deste xeoparque, que, tal e como recordou, foi o primeiro declarado en Galicia, no ano 2019, e está amparado tamén por outras figuras de protección internacional xa que pertence á Zona de especial conservación (ZEC) Ancares-Courel e forma parte da Reserva de biosfera Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel.

Neste sentido, referiuse á recente declaración por parte da Unesco do Xeoparque Mundial Cabo Ortegal, que se converte así no segundo de Galicia e con cuxos xestores dixo que agarda manter a mesma liña de colaboración para impulsar proxectos e accións que contribúan a poñer en valor este tipo de enclaves xeolóxicos da Comunidade.

No encontro, que finalizou cun concerto de música moderna no anfiteatro da praia fluvial, tamén participou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, que se achegou ata Ribas de Sil para acompañar aos rapaces participantes no primeiro taller da xornada, cuxo obxectivo foi coñecer as rochas do xeoparque. Así mesmo, asistiron a alcaldesa de Folgoso do Courel, o alcalde de Ribas de Sil, un concelleiro de Quiroga e o presidente do GDR Ribeira Sacra-Courel, entre outras autoridades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/06/2023