O presidente da Xunta recibiu o equipo ferrolá no Pazo de Raxoi

Rueda felicita o Racing Club de Ferrol polo seu ascenso á Segunda División do fútbol nacional

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, felicitou hoxe o Racing Club de Ferrol polo seu ascenso á Segunda División do fútbol nacional. O titular do Goberno galego, acompañado do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu no Pazo de Raxoi o equipo ferrolá que o pasado sábado conseguiu o ascenso tras unha tempada histórica.

O merecido desembarco do Racing de Ferrol na Segunda División da Liga de fútbol é, para o presidente da Xunta, froito dun traballo colectivo, da forza de vontade e do talento de todos e cada un dos xogadores acompañados dun gran equipo técnico e directivo. Alfonso Rueda quixo facer extensivo ese recoñecemento aos 3.700 socios do club e a toda unha cidade que empurrou en cada partido.

A fazaña do equipo de fútbol súmase aos éxitos doutros clubs deportivos ferroláns que veñen de pechar unha gran tempada, co ascenso á máxima categoría do baloncesto feminino nacional do Baxi Ferrol e o esforzo do Parrulo Fútbol Sala por ascender. O presidente da Xunta dixo que toda Galicia se contaxiara da “alegría” de Ferrol e que as súas vitorias eran “un orgullo” para todos os galegos e galegas.

O mandatario autonómico subliñou que o éxito do Racing de Ferrol, unido a outras fazañas acadadas nos últimos días por diferentes equipos galegos, amosan o bo nivel do deporte na Comunidade. “Se somos unha potencia en tantas cousas, que se note que o somos tamén no fútbol”, indicou.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/06/2023