A directora xeral de FP destaca o impulso da FP no Barbanza, con máis de 1.300 matriculados

Nesta zona o interese da cidadanía pola FP medrou en máis dun 23% na última década

Eugenia Pérez participa no encontro territorial do Plan Conecta FP para esta comarca e as de Muros e Noia, que reúne un cento de persoas para deseñar a oferta

Ribeira (A Coruña), 2 de xuño de 2023 A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participou hoxe no encontro territorial do Plan Conecta FP da Xunta para as comarcas do Barbanza, Muros e Noia, no que un cento de persoas, entre docentes e representantes de firmas empresariais e de centros educativos, se reúnen para analizar as necesidades do tecido produtivo da zona e deseñar unha oferta de ciclos e másteres de FP para os vindeiros cursos que permita darlle resposta ás demandas das empresas e, deste xeito, mellorar a empregabilidade dos titulados.

A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou o crecente interese da cidadanía desta zona pola FP, “que medrou en máis dun 23% na última década, de tal forma que hoxe se decantan por elas máis de 1.300 persoas”. Son en total medio cento os ciclos ofertados polos 12 centros que imparten esta ensinanzas na Pobra do Caramiñal, Boiro, Muros, Noia, Porto do Son, Rianxo e Ribeira.

Ademais do alumnado e do profesorado dos centros e institutos da comarca que imparten ensinanzas de FP, tamén interviñeron representantes de institucións e empresas da zona como o Grupo Cortizo e Salica Alimentos Congelados.

Programa da xornada

Xunto coa directora xeral, interveu o presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, Francisco Martínez Gude. Tras o acto de apertura, a xornada continuou co relatorio A Formación Profesional como vía de capacitación, a cargo da subdirectora xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo, Cristina Lesta.

Así mesmo, desenvolveranse dúas mesas redonda arredor das necesidades do sector produtivo e da resposta que se lles dá a través da FP Dual e da importancia da acreditación de competencias dos traballadores. Nela participan tanto representantes de centros educativos como de empresas. A xornada culmina co desenvolvemento dun espazo networking, coa finalidade de que os asistentes poidan tecer novas redes profesionais.

Creación de 9.500 prazas

O celebrado esta mañá no Centro Integrado de Formación Profesional Coroso é un dos 14 encontros territoriais que a Xunta está a organizar dentro do Plan Conecta FP para crear 9.500 novas prazas. Ademais, hai outros cinco encontros sectoriais. A partir de cada un deles créanse outros 19 grupos de traballo que identifican as necesidades actuais e futuras das empresas, analizan as posibles transformacións produtivas e a súa implicación nos novos perfís profesionais relacionados con empregos futuros. Da análise de cada un dos grupos xurdirán plans de acción de formación especializada para cada ámbito profesional e territorial, que conformarán o Plan Conecta FP Galicia para deseñar e planificar a oferta destas ensinanzas á medida do tecido produtivo galego e de cada zona.

O obxectivo deste plan é formar profesionais cualificados que dean maior e mellor resposta ás necesidades das empresas favorezan a súa competitividade, así como a confianza da industria na FP. Isto redundará, ademais, nunha maior empregabilidade da poboación nova.

Data de actualización: 02/06/2023