A Xunta forma ao persoal público para incorporar criterios ambientais á xestión de fondos europeos

Este curso, pioneiro a nivel autonómico e nacional, enmárcase no obxectivo de aproveitar ao máximo as oportunidades de financiamento que ofrece a Unión Europea ao abeiro do programa Next Generation e dos fondos Estructurais FEDER

A finalidade é avanzar no desenvolvemento dunha Taxonomía verde para avanzar cara a un financiamento máis sostible e contribuír á loita contra o cambio climático

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2023 Unha trintena de empregados públicos participaron nunha xornada, organizada pola Xunta de Galicia, para completar a súa formación de cara a incorporar criterios ambientais á xestión de fondos europeos. 

Este curso, pioneiro a nivel autonómico e nacional, enmárcase no obxectivo de aproveitar ao máximo as oportunidades de financiamento que ofrece a Unión Europea ao abeiro do programa Next Generation e dos fondos Estruturais FEDER 2021-2027, cuxos proxectos deben someterse a un estrito criterio de avaliación ambiental para avanzar cara a un financiamento máis sostible e contribuír á loita contra o cambio climático. 

De feito, a UE definiu nun regulamento a denominada Taxonomía verde, que inclúe os obxectivos ambientais nos que deben basearse os investimentos sostibles e que son: a mitigación do cambio climático; a adaptación a este fenómeno global; o uso sostible e protección dos recursos hídricos e mariños; a prevención e control da contaminación; a preservación e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas, e a transición cara a unha economía circular. 

Nesa liña, o curso analizou a aplicación do principio de non causar un prexuízo significativo ao medio ambiente (DNSH, nas súas siglas en inglés) desde unha perspectiva transversal en cuestións como a avaliación ambiental, os criterios de adxudicación sostibles, as etiquetas ecolóxicas, os sistemas de xestión ambiental ou os indicadores ambientais nos fondos europeos FEDER 2021-2027 e no Mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia. 

Esta xornada formativa enmárcase nas actuacións que está levando a cabo o Goberno galego en materia de cambio climático como a Estratexia de cambio climático e enerxía 2050, a Alianza galega polo clima ou a tramitación da futura lei galega.

De feito a futura normativa prevé regular o principio de non causar un prexuízo significativo ao medio ambiente en todos os proxectos e normas autonómicos e locais en Galicia, así como asegurar o seu cumprimento nas axudas e subvencións que se establezan no futuro e fixar os criterios ambientais para a contratación das administracións públicas, sempre velando porque a Comunidade Autónoma sexa un referente a nivel ambiental.

Data de actualización: 04/06/2023