Rueda salienta que o evento Estrelas solidarias no Camiño adereza con excelencia e prestixio os éxitos da marca Galicia
Asegura que a presenza de recoñecidos chefs que acoden á convocatoria dos irmáns Rial potencia a oferta turística da comunidade
Augura un “magnífico ano” en turismo para Galicia, que está a vivir tempos récord de visitantes “na procura, cada vez máis, da calidade”
Aplaude a organización dun encontro que este ano destinará a recadación á Asociación Galega da Síndrome X Fráxil, entidade que celebra o seu 25 aniversario
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salienta que o evento Estrelas solidarias no Camiño adereza coa “excelencia e prestixio” os éxitos da marca Galicia. O titular do Goberno galego participou esta mañá nun almorzo en Santiago de Compostela previo á celebración do encontro solidario que terá lugar na Finca Casa Barqueiro, en Negreira.
Estrelas Michelin reunidas por unha causa solidaria
O evento anual Estrelas no Camiño de Santiago é unha iniciativa que impulsa Casa Barqueiro, de Negreira, desde o ano 2014, aínda que sería a partir de 2019 cando adquire ese carácter solidario e pasa a empregar o nome de Estrelas solidarias no Camiño.