A Xunta destaca o potencial da biomasa e a súa contribución para que Galicia sexa referente nas enerxías renovables

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou na apertura da xornada ‘Implicación dos axentes públicos de Galicia e Portugal no uso da biomasa con fins enerxéticos’, que se celebrou esta mañá en Vigo

Vigo, 6 de xuño de 2023 O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, interveu esta mañá en Vigo na apertura da xornada Implicación dos axentes públicos de Galicia e Portugal no uso da biomasa con fins enerxéticos. 

Fernández Vila destacou o potencial da biomasa e a súa contribución para que Galicia sexa referente nas enerxías renovables. De feito, tivo un importante papel para que a Comunidade xa superara o obxectivo en canto a consumo de enerxía final con fontes renovables marcado polo Plan Nacional Integrado de Energía y Clima (PNIEC) para España en 2030.  

O director xeral explicou que en 2020 a biomasa foi a segunda fonte de enerxía primaria galega e que a análise da súa situación actual foi un aspecto fundamental a ter en conta á hora de elaborar a Axenda Enerxética de Galicia 2030, a folla de ruta que marca os obxectivos intermedios en 2030 que permitan alcanzar a neutralidade climática en 2050. Neste sentido, a Xunta promove o seu uso a través de diferentes axudas. Precisamente, nestes momentos, a Xunta mantén aberta ata o 29 de xuño unha convocatoria para a que se reservan 1,5M€ dirixida a proxectos promovidos polos particulares con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante caldeiras que utilicen biomasa como combustible. A contía das axudas será dun 50% cun máximo de 8000 euros por proxecto.

Na súa intervención, tamén avogou por analizar o potencial da biomasa non valorizada, a través do estudio da capitalización das capacidade de I+D no uso enerxético da biomasa, como xa se fixo recentemente nun estudo transfronteirizo analizando o aproveitamento de biomasa procedente de actividades agrícolas e do forestal, en concreto de resto da poda da vide e do kiwi.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2023