Hoxe comezan as catas dos viños de Galicia 2023 con preto de 400 mostras procedentes de 166 bodegas

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria estivo esta mañá no inicio destas catas, que se celebran no Pazo de Quián

No día de onte catáronse 44 mostras de augardentes e licores tradicionais pertencentes a 16 empresas

Este certame prolongarase ata este venres, 9 de xuño, participando un total de 428 mostras de 182 empresas de toda Galicia
 

Boqueixón (A Coruña), 6 de xuño de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, estivo esta mañá presente no inicio das Catas dos Viños de Galicia 2023, que se celebran no Pazo de Quián en Sergude (Boqueixón), logo da xornada de onte centrada nas augardentes e licores tradicionais.  

Así, ata o vindeiros venres 9 de xuño, cataranse un total de 384 mostras procedentes de 166 adegas pertencentes ás cinco denominacións de orixe e a catro indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas de Galicia. Neste caso, a presenza do viño branco é maior con 264 mostras, mentres que de tinto participan en concurso 120.  

Desta forma, elixiranse os mellores viños de Galicia (tinto e branco), ademais dos mellores por cada denominación de orixe e indicación xeográfica protexida. Tamén se escollerán os mellores tintos en madeira ou viños de colleitas anteriores, entre outros. 

Estas catas complétanse coas celebradas na xornada de onte, onde se analizaron as augardentes e licores tradicionais de Galicia. Así, foron un total de 44 mostras pertencentes a 16 empresas, das cales 14 correspondéronse coa augardente de Galicia, cinco coa augardente envellecida, outras cinco de augardente de herbas, 12 de licor de herbas e 8 de licor café. 

Neste evento, organizado pola Xunta en colaboración cos diferentes consellos reguladores, participan máis dunha vintena de expertos catadores e un total de 428 mostras de 182 empresas de toda Galicia. En todo momento mantense o anonimato das mostras ao tratarse de catas a cegas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2023