O presidente do Executivo galego visitou as instalacións de Profand en Vilagarcía de Arousa

Rueda salienta a fortaleza das empresas galegas da cadea mar-industria e reafirma o apoio da Xunta para manter o seu liderado

Subliña que Galicia pechou 2022 con récord de exportacións neste sector ao superar os 2.700 M€ e que este eido xa representa case o 5 % do PIB galego

Anuncia que a Administración autonómica vai publicar proximamente unha liña de axudas extraordinaria para paliar os efectos da guerra de Ucraína nesta industria e que estará dotada con preto de 15 M€

Demanda ao Goberno central unha rebaixa do IVE do peixe e as conservas e lamenta que o sector mar-industria non tivese un Perte específico e “quedase fóra” do agroalimentario

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 6 de xuño de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a fortaleza das empresas da cadea mar-industria en Galicia, que sitúan á comunidade como líder neste sector. Durante unha visita ás instalacións de Profand en Vilagarcía de Arousa, subliñou o compromiso do Goberno autonómico con este tecido empresarial cun “potente futuro”.

Rueda lembrou que Galicia pechou 2022 con novo récord de exportacións no sector do mar ao superar os 2.700 millóns de euros, o que fai desta industria unha das máis internacionalizadas da economía galega. Ademais, salientou que a cadea mar-industria representa case o 5 % do PIB galego e xa é o cuarto sector con maior peso na comunidade.
 
Entre as medidas da Xunta para apoiar e seguir impulsando esta actividade, Rueda subliñou a campaña de promoción e difusión dos produtos galegos ‘Galicia sabe aMAR’; os máis de 135 millóns de euros de fondos europeos destinados ao sector transformador así como unha nova liña de axudas extraordinarias que o Goberno galego vai convocar proximamente para paliar os efectos da guerra de Ucraína nestas industrias. En concreto, avanzou que a Xunta vai destinar case 15 millóns de euros a estas achegas, dirixidas principalmente á frota artesanal, á acuicultura e as empresas transformadoras dos produtos do mar.

Baixa do IVE e Perte agroalimentario

Rueda exixiu que o esforzo e compromiso que demostra a Xunta con este sector sexa semellante tamén por parte do Goberno central. Así, na súa intervención, demandou de novo rebaixar o IVE do peixe e as conservas tal e como ocorre con outros produtos básicos como a froita, as verduras ou os ovos. “Aplaudimos cando se aplicaron a outros produtos, pero non entendemos que non se faga o mesmo con alimentos tan básicos como a carne ou o peixe”, apuntou. 

Ademais lamentou que o Executivo estatal non deseñase un Perte para a cadea mar-industria. ”Non só quedou fóra dun específico, senón que as industrias alimentarias relacionadas co mar non poden ter acceso aos fondos Next Generation en convocatorias que se están a facer”, recriminou en relación co Perte Agroalimentario, ao tempo que reclamou “que se emende” esta situación.

“Con estas decisións lóxicas e posibles, co apoio que estamos a dar desde a Xunta e, sobre todo, coa potencia para navegar que teñen por si mesmas as industrias mar-industria, estase ante un futuro moi potente”, concluíu.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2023