A Xunta reforzará a figura de coordinador de benestar e convivencia nos centros educativos

Eleva á Mesa Sectorial Docente o borrador da nova orde que regulará esta figura, cuxas atribucións xa se viñan desenvolvendo desde hai anos no sistema educativo galego

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2023 A Xunta vén de remitir á Mesa Sectorial Docente o borrador de orde pola que se regula a persoa coordinadora de benestar e convivencia nos centros educativos e, a través da cal, se vai actualizar e reforzar esta figura.

Así pois, na xuntanza deste órgano consultivo, que terá lugar o vindeiro martes, abordarase a nova regulación desta figura implantada desde hai anos no sistema educativo galego baixo a denominación de dinamizador de convivencia e que viña desempeñando xa parte das funcións establecidas agora para a de coordinadora de benestar.

Con esta nova regulación, ademais do cambio de denominación (axustada á normativa vixente), introdúcense melloras desde o punto de vista administrativo como a asignación de dúas horas complementarias fixas de dedicación dentro do horario ou o recoñecemento desta función nos concursos de traslados e de orientación.

Segundo o borrador de orde en trámite, a persoa coordinadora de benestar e convivencia será designada pola dirección do centro entre o profesorado do claustro, preferentemente con destino definitivo, para un período de dous anos, e actuará baixo a coordinación da Xefatura de Estudos. Para isto terase en conta a súa formación específica, a experiencia, o interese e a dispoñibilidade horaria.

A coordinadora de benestar e convivencia ocúpase de coordinar e impulsar o plan de convivencia do centro enfocado á mellora do clima escolar, promovendo, por exemplo, dinámicas escolares que propicien a mellora da convivencia e a resolución pacífica de conflitos, o respecto ao alumnado vulnerable ou a atención á diversidade, entre outros.

Aínda que en Galicia xa existía a figura de dinamizador de convivencia con estas funcións antes de que o Goberno central implementara a de coordinador de benestar, agora, con esta orde, dáse un paso máis no seu afianzamento no sistema educativo galego desde o punto de vista administrativo. Ademais, esta figura xa foi actualizada na Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025, aprobada en 2022, a folla de ruta do Goberno galego enfocada a afianzar un bo clima nas aulas, consolidar un modelo de convivencia inclusiva, equitativa e de calidade.

Data de actualización: 06/06/2023