A Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación do X Festival Bal y Gay, que celebrará 13 concertos entre o 10 e o 24 de agosto

Madrid, 7 de xuño de 2023

A Casa de Galicia acolleu a presentación do X Festival Bal y Gay, referente de música clásica en España polas súas excelentes propostas artísticas en espazos emblemáticos da Mariña (Lugo) e que ofrecerá 13 concertos do 10 ao 24 de agosto.

Maria João Pires, Konstantin Krimmel, Cuarteto Quiroga, Orquestra Sinfónica de Galicia, Real Filharmonía de Galicia, Juan Pérez Floristán co seu Trío VibrArt, Kebyart, Sara Ferrández, Rocío Pérez, Opera Omnia, Conrado Moya ou Katarzyna Myćka configurarán un cartel espléndido que combina contrastados artistas e grupos nacionais e internacionais con mozos de gran proxección mundial.  

As entradas, desde 12 euros, e os abonos, desde 43 euros, xa están á venda en festivalbalygay.com. O acto tivo lugar coa presenza de Alba Rodríguez, directora do Festival Bal y Gay; Enrique Rodríguez Baixeras, presidente da Fundación Xesús Bal y Gay; Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia; e Sonia Mulero, directora da Fundación Banco Sabadell. Estivo presentado por Clara Currais (Sinfonía da mañá, Radio Clásica RNE) e incluíu a actuación do violonchelista Fernando Arias (Trío VibrArt). 

“Queremos que esta décima edición sexa a consolidación da marca de excelencia, calidade e coherencia conseguida en edicións anteriores. Un formato que fai posible a accesibilidade nunha zona rural de propostas habituais nas grandes salas de concertos, fomentando o turismo rural e situando á Mariña como centro musical de referencia para artistas e público. Cada concerto convértese nunha experiencia máxica, poñendo en valor o patrimonio e a esencia da zona con escenarios en espazos singulares. Mesturamos a experiencia e profundidade dos grandes nomes da música clásica coa xenerosidade e espontaneidade do talento novo con maior proxección, cultivando a diversidade artística”, afirmou a súa directora Alba Rodríguez.

Segundo explicou Enrique Rodríguez Baixeras, presidente da Fundación Xesús Bal y Gay, entidade que organiza o festival, o certame é, desde os seus inicios, "unha aposta polo dereito á cultura, entendendo a cultura como ámbito xerador de crecemento compartido, tanto polo seu potencial económico como pola súa capacidade para transcender barreiras”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/06/2023