A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe o radar meteorolóxico de Cuntis

Galicia rexistrou unha primavera meteorolóxica moi cálida e seca

Ángeles Vázquez pon en valor o radar meteorolóxico de Cuntis como unha das principais ferramentas para a realización das predicións de MeteoGalicia

As temperaturas desta primavera, cunha media de 14,2 graos, foron case dous graos máis altas do esperado neste período

No caso das precipitacións, o mes de marzo foi lixeiramente húmido; abril, seco, e en maio estiveron asociadas aos fenómenos tormentosos, polo que, aínda que houbo zonas con máis chuvia da habitual, choveu un 37% menos do normal

Cuntis (Pontevedra), 7 de xuño de 2023

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou hoxe que a Comunidade rexistrou unha primavera meteorolóxica moi cálida e seca, segundo o avance do informe estacional de MeteoGalicia. 

Durante a súa visita ao radar meteorolóxico de Cuntis, Ángeles Vázquez subliñou que as temperaturas desta primavera, cunha media de 14,2 graos, foron case dous graos máis altas do esperado neste período. “Temos que remontarnos ao ano 2011 para atopar un precedente máis cálido”, salientou a conselleira, quen tamén fixo fincapé en que no mes de maio a temperatura media elevouse ata os 16,4 graos. 

No que atinxe ás precipitacións, a Comunidade rexistrou unha primavera moi seca cun 24% menos de chuvias das esperadas. Máis polo miúdo, o mes de marzo foi lixeiramente húmido -117 litros por metro cadrado de media- e abril foi seco -68 litros por metro cadrado-. No caso de maio, as precipitacións estiveron asociadas aos fenómenos tormentosos, polo que aínda que houbo zonas con máis chuvia da habitual, choveu un 37% menos do normal neste mes, polo que foi moi seco. 

A conselleira tamén fixo fincapé en que nos últimos tres meses rexistráronse en Galicia preto de 13.700 raios, dos que o 99% (13.583) corresponden aos últimos 6 días de maio. Este fenómeno repetiuse nos primeiros cinco días de xuño, cando se rexistraron un total de 8.556 raios. 

Nesa liña, a conselleira puxo en valor o radar meteorolóxico de Cuntis como unha das “principais ferramentas” coas que conta a Xunta para a realización das predicións de MeteoGalicia. A súa situación a preto de 50 metros de altura permite unha excelente visión das frontes que chegan á Comunidade desde o Atlántico e o Cantábrico así como una monitorización precisa da evolución dos fenómenos meteorolóxicos. 

Así, este radar, que está en funcionamento desde 2010, permite realizar a detección, descrición, seguimento e predición a curto prazo da meteoroloxía. De feito, grazas aos datos recollidos nesta instalación os técnicos de MeteoGalicia poden, por exemplo, calcular o tipo de precipitación e intensidade ou cuantificar a neve e sarabia acumuladas.

Esta visita ao radar meteorolóxico de Cuntis enmárcase na Semana por unha Galicia sostible organizada pola Consellería para conmemorar con diversos actos e iniciativas o Día mundial do medio ambiente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/06/2023