A delegada territorial da Xunta en Ferrol presentou esta mañá o evento xunto ao presidente da Apfsc e responsables de Run Rum Agencia

Martina Aneiros destaca o salto cualitativo do cartel do Ferrol Verán Festival con Black Eyed Peas

A cita, que terá lugar o próximo 2 de xullo na zona interior do porto de Ferrol, contará ademais coas actuacións dos grupos Superglú, Green Valley e os dj Pablo Occy e Paskman

Conta co patrocinio da Xunta, a través de Turismo de Galicia e a colaboración da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao
 

Ferrol, 7 de xuño de 2023
Compartir
  • whatsapp

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do presidente da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao e de representantes de Run Rum Agencia, organizadora do evento, presentou esta mañá o cartel do Ferrol Verán Festival que o próximo 2 de xullo traerá ao porto de Ferrol ao coñecido grupo internacional Black Eyed Peas. A iniciativa que segundo destacou Aneiros “da un paso de xigante para traer á nosa cidade un grupo de fama mundial”, conta co patrocinio da Xunta a través de Turismo de Galicia e a colaboración da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao.

“Estamos ante un dos grandes eventos musicais do verán en Ferrol, cun cartel recoñecido na escena internacional e nacional e que chega para darlle continuidade ás actuacións de enorme éxito dos últimos dous anos que contaron co apoio da Xunta a través do Xacobeo 21-22”, indicou a delegada.

Acompañando á banda californiana subiranse ao escenario o grupo local Superglú, a banda de reggae e dancehall española Green Valey e os dj Paskman e Pablo Occy que garantirán sete horas da mellor música.

Dende a organización avanzaron que se levan vendidas máis dun millar de entradas e que os interesados se poden facer con elas a través da web do festival.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/06/2023