A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asistiu esta mañá a unha xornada de limpeza xunto ás mariscadoras da confraría de Mugardos

Preto de 80 profesionais do marisqueo a pé e 15 embarcacións participarán este ano na recollida activa de lixo mariño na zona de Ferrol

A Xunta apoia con 95.300 euros tres proxectos de protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños que prevén un total de 39 xornadas de limpeza no litoral das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

Na resolución da convocatoria de 2023 destas axudas resultaron beneficiarias as confrarías de Mugardos, Pontedeume e Cedeira

Estas achegas están financiadas polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca (FEMP) e enmarcadas no Plan MarLimpo da Consellería do Mar

Mugardos (A Coruña), 8 de xuño de 2023 A Xunta de Galicia apoia este ano os proxectos de recollida activa de lixo mariño de tres confrarías das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal nos que participarán 79 profesionais do marisqueo a pé e 15 embarcacións coa programación dun total de 39 xornadas de limpeza da costa da comarca. Unha delas levouse a cabo hoxe no peirao do Seixo, en Mugardos, ao que se achegou a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada pola xefa territorial da Consellería do Mar, o alcalde da vila e o patrón maior da confraría, Omar Enrique Lucci.

De acordo coa resolución da convocatoria destas axudas da Consellería do Mar para 2023, publicada onte no Diario Oficial de Galicia, resultaron beneficiaras as confrarías de Mugardos, Pontedeume e Cedeira, que suman un orzamento global de 95.300 euros. A finalidade destas achegas enmarcadas no Plan MarLimpo é a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a retirada de residuos do mar. De feito, esta estratexia de retirada de residuos mariños da costa galega xa permitiu extraer máis de 235 toneladas entre os exercicios 2020 e 2022.

Estes apoios, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), están dirixidos ás confrarías de pescadores, organizacións de produtores pesqueiros e outras entidades asociativas do sector en Galicia como as ONG en alianza coas organizacións do sector ou conxuntamente cos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP). Os proxectos aprobados abarcan compensacións aos mariscadores a pé e á frota de artes menores polo desenvolvemento de distintas accións.

A iniciativa coa maior achega das tres beneficiarias da zona é a da confraría de Mugardos, con 43.600 euros. O seu proxecto inclúe a retribución por 11 xornadas de recollida activa de lixo. De feito, a realizada esta mañá é unha das primeiras, coa participación de 47 mariscadoras e mariscadores. A maiores, o proxecto tamén inclúe a recollida pasiva de lixo, o que implica que as embarcacións profesionais da pesca e do marisqueo recollen os residuos que atopan durante as faenas ordinarias de pesca ou durante a súa actividade diaria.

Pola súa banda, na iniciativa da confraría de pescadores de Pontedeume interveñen 16 mariscadoras a pé, que retirarán residuos da costa en tres días distintos, e 15 embarcacións de baixura, que farán o mesmo durante cinco xornadas cunha axuda global de arredor de 23.000 euros.

O terceiro proxecto aprobado na zona é o da confraría de Cedeira, cunha achega de 28.700 euros, que prevé a realización de 20 xornadas de limpeza nos bancos marisqueiros a pé xestionados pola entidade coa participación de 16 persoas. A maiores, inclúe a celebración dunha acción formativa e dúas charlas divulgativas de sensibilización en centros educativos, así como a adquisición de distinto material.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/06/2023