A entrega dos premios do certame Cooperativismo no ensino arranca hoxe no IES Valadares de Vigo

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, destacou no acto os valores que promove a economía social e a aposta do Goberno galego polo emprendemento a través da rede de polos

A Xunta fará entrega ao longo das vindeiras semanas dos galardóns ao resto de colexios, institutos e centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial premiados

Na edición de 2023 recoñécense os traballos dos centros CPR Plurilingüe Luis Vives de Ourense, CEIP de Domaio en Moaña, CEIP San Miguel de Reinante en Barreiros, IES A Guía de Vigo, CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián, en Tomiño, e da sociedade cooperativa galega Mendiño, ademais do IES Valadares

Vigo, 8 de xuño de 2023 A Xunta iniciou hoxe no IES de Valadares de Vigo a entrega dos premios da edición 2023 do certame Cooperativismo no ensino co que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade busca difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria, educación especial, formación profesional e ensinanzas de réxime especial de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.

Catro colexios, dous institutos e o alumnado dunha sociedade cooperativa galega foron recoñecidos neste 2023 cos premios deste programa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, tal e como publicou onte o Diario Oficial de Galicia (DOG).

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou na entrega do premio ao IES de Valadares, un acto no que salientou a aposta da Xunta polo emprendemento a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego e os valores da economía social. O evento, tras a intervención de Ardao, rematou cun concerto de Sofía Espiñeira, música e tamén actriz de teatro e circo.

O instituto de Vigo gañou co EcoValadares: sociedade cooperativa xuvenil galega de Valadares o primeiro premio ao mellor traballo na modalidade de actividades cooperativizadas, dirixida ao alumnado dos centros de educación secundaria obrigatoria e educación especial. A través desta iniciativa deseñaron unha cooperativa xuvenil co obxectivo de que o instituto se transformase nun ecocentro para acadar un consumo enerxético e de material funxible responsable, así como os coñecementos necesarios para tomar conciencia do que está a acontecer e facer previsións dun futuro mellor.

Nesta mesma categoría recibiu un accésit Vivindo do conto do CPR Plurilingüe Luis Vives de Ourense.

Modalidade actividades artísticas

O certame Cooperativismo no ensino inclúe outras dúas modalidades máis. Na de actividades artísticas, dirixida ao alumnado dos centros de educación infantil, primaria e educación especial, establécense catro categorías. Na primeira, para o alumnado de segundo ciclo de educación infantil, gañou o premio ao mellor traballo o CEIP Plurilingüe Domaio, de Moaña, con Todo funciona se cooperamos. O accésit foi para o CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián, enTomiño, por O clan dos superheroes e heroínas.

Na categoría para o alumnado de primeiro e segundo de educación primaria resultou premiado o CEIP Plurilingüe Domaio, de Moaña, con Xogamos xuntos por un mundo cooperativo; e o accésit recaeu no CEIP San Miguel de Reinante, en Barreiros, por Cooperaglú. A terceira das categorías desta modalidade vai destinada ao alumnado de terceiro e cuarto de educación primaria. O galardón ao mellor traballo foi para o CEIP San Miguel de Reinante de Barreiros por Cooperación triunfo; e o CEIP Plurilingüe Domaio, de Moaña, recibiu o accésit por Cooperar ao son das ondas. Na última das categorías, para o alumnado de quinto e sexto de educación primaria, resultou gañador tamén o CEIP Plurilingüe Domaio, de Moaña, por A cooperación une xeracións; e o accésit foi para o CEIP San Miguel de Reinante, de Barreiros, por Cooperegueifa.

Proxectos empresariais

A terceira das modalidades do concurso que convoca a Xunta cada ano está dirixida a premiar os proxectos empresariais cooperativos feitos polo alumnado dos centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial. En 2023 resultou gañador nesta modalidade o IES A Guía, de Vigo, por Holística, sociedade cooperativa galega. O accésit recaeu en Sail2day, presentado polas alumnas e alumnos da sociedade cooperativa galega Mendiño, de Vigo.

A entrega destes galardóns é unha actividade previa á celebración do Día do Cooperativismo Galego que se celebrará o 1 de xullo nas instalacións da cooperativa Agroflor, en Narón. Dentro desta programación tamén se están a celebrar os Venres Cooperativos, visitas abertas á cidadanía para que coñeza entidades de economía social sitas nas catro provincias que se organizaron a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, en colaboración co Consello Galego de Cooperativas, órgano consultivo no que están representados administracións, institucións e entidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/06/2023