O Sergas publica na súa páxina web os resultados definitivos do primeiro concurso de méritos da categoría de enfermería

Neste proceso conseguiron praza fixa un total de 459 enfermeiras/os na sanidade pública de Galicia

Galicia é a primeira comunidade autónoma en resolver un proceso de estabilización da Lei 20/2021

O vindeiro 25 de xuño, celebrarase o exame da oposición para dotar á rede sanitaria pública galega con 1.555 prazas máis de Enfermería, unha cifra coa que se acadará o número máis alto de prazas na historia do Sergas, con 2.014

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2023 O Servizo galego de Saúde publica hoxe na súa páxina web, www.sergas.es unha nota informativa pola que se fai público o acordo do tribunal que xulga o proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso na categoría de Enfermeiro/a, relativo á baremación definitiva e a publicación dos/as aspirantes seleccionados. 

Na devandita nota, indicase que está previsto que o próximo venres 16 de xuño se publique no Diario Oficial de Galicia (DOG), a Resolución do 6 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos cos aspirantes definitivamente seleccionados, así como os prazos de recurso. 

A convocatoria deste proceso de estabilización realizouse o pasado mes de xaneiro, rematando o período para presentarse ao mesmo o 16 de febreiro, resultando admitidos 2.768 aspirantes. Así, Administración sanitaria procedeu a publicar as puntuacións provisionais o 21 de abril. No xornada de hoxe, preséntanse na web do Servizo galego de Saúde a baremación definitiva dos seleccionados, publicando en menos de catro meses dende a finalización do prazo de inscrición os seleccionados.

A efectos informativos publícase na páxina web www.sergas.es a relación dos/das 459 aspirantes seleccionados/as neste proceso, 427 aspirantes pola quenda de acceso libre e 32 pola quenda de discapacitados, segundo a orde de puntuación acadada nas diferentes quendas de acceso de conformidade co número de prazas convocadas. Inclúese en dito anexo a puntuación desagregada nos distintos apartados do baremo e os datos numéricos utilizados nos criterios de desempate. 

Os profesionais seleccionados por baremo de méritos son os primeiros que obteñen praza por este sistema extraordinario, ao ser Galicia a comunidade pioneira que resolver unha convocatoria de procesos de estabilización de emprego, conforme a Lei 20/2021 de redución de temporalidade no emprego público.  

Cando se publique a resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG) abrirase o prazo de un mes para presentar documentación nos termos indicados na resolución e posteriormente abrirase o prazo para elección de destinos. As incorporacións están previstas tralo verán. 

Por outra banda, o 25 de xuño de 2023, celebrarase o exame de oposición para 1.555 prazas de Enfermería, polo que unha vez resolto o proceso xunto co anterior por méritos, consolidarase emprego fixo na categoría de enfermeiras nun total de 2.014 prazas, o número de prazas máis alto da historia do organismo.

 

Data de actualización: 08/06/2023