O conselleiro do Medio Rural participou na clausura da asemblea xeral ordinaria da Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo

A Xunta define o Inventario Forestal Continuo como unha oportunidade para impulsar un mellor aproveitamento da madeira como recurso endóxeno

José González engadiu que se trata de mellorar, en consecuencia, a transformación da madeira “baixo criterios de sustentabilidade e racionalidade, xerando emprego e loitando contra o abandono e os incendios”

Lembrou que o Goberno galego está traballando na posta en marcha dun Plan estratéxico da industria forestal-madeira, respondendo a unha demanda do propio sector co fin de conectar recurso e produto

Puxo en valor as diferentes liñas de axudas da Xunta para fomentar a actividade deste eido, tales como as destinadas a impulsar proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais na construción

Castro de Rei (Lugo), 9 de xuño de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, situou hoxe o Inventario Forestal Continuo de Galicia como “unha oportunidade de mil oportunidades” para impulsar “un mellor aproveitamento do recurso que nos leve, por tanto, a unha mellor transformación da madeira”. O titular de Medio Rural, acompañado do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, do director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, e da directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Zeltia Lado, participou na clausura da asemblea xeral ordinaria da Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo (Lugo madera), celebrada na localidade luguesa de Castro de Rei.

 

Neste acto, José González puxo de relevo a madeira como recurso endóxeno de Galicia e valorou a aportación que supón o Inventario Forestal Continuo como ferramenta para contar con información fiable, clave para xerar o produto, remarcou. Nesta mesma liña, lembrou que a Xunta está traballando na posta en marcha dun Plan estratéxico da industria forestal-madeira, respondendo a unha demanda do propio sector co fin, tamén, de conectar recurso e produto.

 

O conselleiro trasladou que a propia posta en marcha do Inventario deu tamén cumprimento a un compromiso adquirido pola Xunta con todo o sector para ter unha “radiografía” precisa dos nosos bosques. Defendeu o carácter permanente deste instrumento e puxo en valor, especialmente, que reflicte un crecemento exponencial das frondosas caducifolias nos últimos anos, un recurso que -advertiu- amosa unha gran potencialidade de aproveitamento.

 

Sustentabilidade e racionalidade

Neste sentido, González avogou por mobilizar a madeira como recurso propio, “baixo criterios de sustentabilidade e racionalidade, xerando emprego e loitando contra o abandono e os incendios”. Puxo en valor, neste contexto, as diferentes liñas de axudas da Xunta para fomentar a actividade do eido forestal-madeira. Achegas como as destinadas a impulsar proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais na construción, nas que se dá preferencia a produto de montes galegos xestionados de xeito sustentable con algunha das certificacións PEFC/FSC ou que dispoñan da marca de garantía Pino de Galicia.

 

Outra das liñas de subvencións mencionadas polo conselleiro foron as de fomento da dixitalización e innovación das pequenas e medianas empresas do sector. Así mesmo, tamén se referiu ás achegas para formar e difundir sobre os produtos e servizos dos bosques, dirixidas tanto a asociacións como fundacións, colexios profesionais ou centros universitarios. E salientou que o uso de madeira en construción e a rehabilitación é un aspecto nuclear desta convocatoria.

 

Ao tempo, José González anunciou que a esta liña de axudas se suma a unha plataforma web xurdida dun proceso de cooperación entre o Clúster da Madeira e Deseño de Galicia e a Xunta, destinado a dar resposta a todos aqueles prescritores que teñan dúbidas no uso de produtos de madeira en construción e que conta ademais co asesoramento e soporte das tecnoloxías e expertos do CIS-Madeira, centro adscrito á Axencia Galega da Industria Forestal. Neste sentido, o conselleiro sinalou que “só desde o coñecemento e a experiencia poderemos achegar a necesaria seguridade aos prescritores para que aposten de xeito decidido pola madeira, especialmente en usos estruturais”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2023