Francisco Menéndez, na súa condición de membro da Mesa de Directores Xerais de Estradas de Comunidades Autónomas e Deputacións Forais, recolleu o xoves en Madrid este recoñecemento concedido pola Asociación Española de la Carretera

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, recibe a Medalla de Ouro da Estrada ao Mérito Persoal 2023

Menéndez remarca a utilidade do traballo da mesa de Directores Xerais como foro de debate e colaboración entre Comunidades Autónomas e Deputacións Forais

Pon en valor a necesidade de manter e mellorar a seguridade nas estradas, algo polo que aposta a Xunta convertendo a rede autonómica galega nun referente en conservación viaria, fin ao que destina cada ano un investimento de 50M€

Subliña o reto da ‘Visión Cero’ en materia de sinistralidade coa Estratexia de eliminación de tramos de concentración de accidentes, cun investimento de máis de 15M€ que xa permitiu reducir nun 60% a sinistralidade neses “puntos negros”

Subliña a evolución das estradas para o impulso da mobilidade sostible, coa construción de 250 km de sendas peonís e ciclistas nas marxes das vías autonómicas e a previsión de seguir sumando itinerarios

Sinala que a xestión das estradas ten retos futuros como a conservación ou a tecnoloxía, considerando a chegada do vehículo eléctrico, autónomo e conectado

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2023 O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, recibe a Medalla de Ouro da Estrada ao Mérito Persoal 2023.

Francisco Menéndez, na súa condición de membro da Mesa de Directores Xerais de Estradas de Comunidades Autónomas e Deputacións Forais, recolleu o xoves en Madrid este galardón concedido pola Asociación Española de la Carretera.

Na súa intervención, en representación dos membros da Mesa, remarcou a utilidade do traballo deste foro de debate e colaboración entre Comunidades Autónomas e Deputacións Forais, no que tamén participa a Dirección General de Carreteras do Estado, e que permite formular e anticipar os retos e problemas comúns en materia de xestión de estradas.

Na súa intervención, repasou os principais retos da xestión das estradas, que son e seguirán sendo no futuro claves como infraestrutura de transporte do país tanto para persoas como para as mercadorías, cun servizo que debe asegurarse as 24 horas do día e os 365 días do ano.

Apuntou que un dos principais retos futuros é achegarse á visión cero en canto a sinistralidade, é dicir, a súa redución ao mínimo, tal e como se recolle no Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2022-2025.

Sinalou que manter e mellorar a seguridade nas estradas autonómicas é unha aposta que vén facendo a Xunta nos últimos anos, convertendo a rede autonómica galega nun referente en conservación viaria, para o que o Goberno galego destina cada ano 50 M€. Neste sentido, destacan iniciativas como a Estratexia de eliminación de tramos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas, cun investimento de máis de 15 M€ que xa permitiu reducir en case un 60% a sinistralidade neses “puntos negros”.

Destacou a necesidade de manter o importante capital acumulado en infraestruturas nos últimos anos, un activo para a sociedade que hai que conservar e manter de modo axeitado. Neste sentido, o Executivo autonómico continúa desenvolvendo o Plan de reforzos de firme, ao que dirixe cada ano preto de 20 M€, e conta co Plan de control de pontes e obras de paso co que a Xunta está a realizar 1.600 inspeccións en 5 anos e que xa motivaron numerosas obras preventivas.

Lembrou que as estradas nos últimos anos tamén teñen evolucionado para mellorar a convivencia dos diferentes usuarios, e xa son tamén plataformas para a mobilidade sostible. Referiu que a Xunta leva habilitados 250 km de sendas peonís e ciclistas nas marxes das vías autonómicas e coa previsión de seguir executando itinerarios deste tipo.

Por último, o director da Axencia Galega de Infraestruturas tamén puxo enriba da mesa o aproveitamento da tecnoloxía para a dixitalización das estradas, considerando a chegada do vehículo eléctrico, autónomo e conectado.

A este respecto, a Xunta está a impulsar unha Estratexia de dixitalización integral das estradas autonómicas, prevendo investir 14 M€ nos próximos 5 anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/06/2023