A Xunta presenta o seu modelo de transferencia de coñecemento ao sector primario galego a unha delegación do Goberno de Angola

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria recibiu os representantes africanos no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), que depende da Consellería do Medio Rural

O obxectivo desta visita foi o de trasladarlles información arredor do sistema de I+D+i aplicado ao agro de Galicia, así como sobre os diferentes proxectos de investigación que desenvolve o CIAM
 

Abegondo (A Coruña), 10 de xuño de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañou hoxe unha delegación do Goberno de Angola na súa visita ao Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), na localidade coruñesa de Abegondo.

O grupo de representantes africanos estivo encabezado polo director adxunto do gabinete da Vicepresidencia, Luis Manuel Rangel, que veu acompañado por Joffrana Dinamene Xavier de Oliveira Fragoso, consultora da Vicepresidencia; Garcia Toca Cabuica, da Asesoría Económica da Vicepresidencia; Emilia de Almeida, conselleira para Asuntos Económicos da Embaixada de Angola en España e Omar Castella, consultor da mesma delegación diplomática.

O obxectivo desta visita foi o de trasladarlles aos responsables do Executivo angoleño información arredor do sistema de I+D+i aplicado ao agro de Galicia, así como sobre os diferentes proxectos de investigación que desenvolve o CIAM. Nestes intres están en desenvolvemento 37 proxectos de investigación entre os que salientan un sistema modular de vermixestión de puríns para a súa valorización como fertilizante, outro sobre a optimización da dieta de cebo nas diferentes categorías da raza cachena ou un terceiro sobre a mellora do cultivo ecolóxico de trigo autóctono.

Ademais, neste encontro José Luis Cabarcos e persoal do CIAM ofreceron explicacións sobre as liñas de investigación que se están realizando noutros centros da Consellería e as posibilidades de experimentación. Así mesmo, a delegación africana percorreu tamén os exteriores das instalacións do CIAM para coñecer as súas infraestruturas, os pasteiros e os diferentes rabaños de gando.

A maiores, na visita tamén se puxo en valor o Banco de Xermoplasma de Recursos Fitoxenéticos deste centro, que está recoñecido internacionalmente e que alberga unha das coleccións máis importantes do noroeste peninsular, con máis de 4.400 entradas. Actualmente, a Xunta está construíndo un edificio que dea servizo ás necesidades deste banco e que incida nunha mellora dos labores de investigación e conservación das sementes co fin de poñer este patrimonio xenético autóctono ao servizo da sociedade e en particular dos agricultores.

Data de actualización: 10/06/2023