Rueda defende a aposta das empresas galegas pola innovación sen renunciar a tradición como oportunidade para reforzar o tecido económico
Enxalza as empresas punteiras que arriscan e apostan pola “cultura do esforzo e do emprendemento” sen esquecer as orixes pola súa contribución á construción dunha “Galicia estable e de futuro”
Erixe a Hermasa, presente en máis de 70 estados dos cinco continentes, como exemplo de adaptarse ás necesidades do sector conserveiro para evolucionar e medrar sen perder de vista á realidade da súa contorna
Vigo, 13 de setembro de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe a aposta das empresas galegas pola innovación sen perder os seus valores tradicionais como unha “oportunidade” para reforzar o tecido económico da comunidade. “A historia de Galicia explícase nesa potencia empresarial que arrisca e que non ve na tradición un obstáculo senón unha oportunidade”, valorou.
Así o salientou durante a súa intervención celebración do 50 aniversario da fábrica Hermasa en Vigo, na que o titular do Goberno galego puxo a esta compañía como exemplo de entidade moderna e experimentada que sabe adaptarse ás necesidades do mercado para seguir medrando, pero sen esquecer a realidade da súa contorna.
O presidente erexiu a compañía como exemplo da capacidade innovadora do tecido empresarial galego que aposta pola súa modernización, pero sempre tendo en conta as súas orixes e a contorna na que se atopan. Así, enxalzou as empresas punteiras que arriscan e apostan pola “cultura do esforzo e do emprendemento” sen esquecer as orixes, pola súa contribución á construción dunha “Galicia estable e de futuro”.
Nesta liña asegurou que a chave para o progreso dun país, dunha comunidade ou dunha empresa “non está en non resistirse á evolución”, senón en “estar preparada para ela, afrontala e dominala para estar nas posicións punteiras”, concluíu.