Preto de 450 voluntarios limparán nos próximos días 26 praias no marco da campaña apoiada pola Xunta ‘1m2 polas praias e os mares’

Esta nova campaña de recollida de residuos, enmarcada no proxecto Libera, dará comezo mañá e estenderase ata o día 24 deste mes

 

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2023
Compartir
  • whatsapp

Preto de 450 voluntarios participarán, ao longo dos próximos días, nas 26 batidas de limpeza programadas por toda a Comunidade dentro da campaña 1m2 polas praias e os mares, unha iniciativa impulsada a nivel nacional por SEO/BirdLife e Ecoembes no marco do proxecto Libera e que en Galicia conta co apoio da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Concretamente, celebraranse 17 batidas na provincia de Pontevedra, nas que participarán máis de 300 persoas; 4 na Coruña, con 85 voluntarios; 3 en Ourense, con 31 inscritos e 2 en Lugo, cuns 20 participantes. En total, preto de 450 liberadores repartidos en 26 praias da Comunidade.  

Nesta nova edición da campaña, que dará comezo mañá e permanecerá activa ata o día 26 deste mes, haberá un total de 253 puntos de recollida repartidos por toda España que, en conxunto, contará coa colaboración de case 3.700 voluntarios.

Así, é importante subliñar que Galicia é unha das comunidades máis implicadas na tarefa de conservación dos espazos naturais e, de feito, o nivel de participación dos galegos nas actividades colaborativas que se organizan ao longo do ano para loitar contra os residuos nas praias é cada vez maior.

Cómpre, por último, destacar que a Xunta colaborou no proxecto Libera por primeira vez no ano 2017 e, desde entón, vén apoiando as sucesivas campañas de limpeza que ao longo do ano se organizan en Galicia, como 1m2 contra a basuraleza, 1m2 polos ríos, lagos e embalses ou 1m2 polos campos, bosques e montes.

 
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/09/2023