Chegan a Galicia as primeiras 10.900 doses do anticorpo monoclonal do virus sincitial respiratorio
O vindeiro 25 de setembro, a Xunta comezará a inmunizar a todos os nenos e nenas que nazan nos centros hospitalarios galegos, e tamén citará aos nenos prematuros (nados desde o 1 de outubro de 2021) e aos menores de alto risco con menos de 24 meses
Está previsto que se lle administre o anticorpo do VRS a máis de 15.000 nenos e nenas
A Consellería de Sanidade recibiu as primeiras 10.900 doses do anticorpo monoclonal do Virus Respiratorio Sincitial (VRS) coas que, desde o vindeiro 25 de setembro, comezará a inmunizar a todos os nenos e nenas que nazan nos centros hospitalarios galegos.
Así, e de acordo á poboación diana de cadansúa área sanitaria, o almacén da Cooperativa Farmacéutica do Noroeste (COFANO) de Pereiro de Aguiar, comezará a realizar a distribución desta novas doses aos seus almacéns provinciais para, de seguido, trasladalas aos centros sanitarios galegos.
Xunto cos neonatos, o departamento sanitario da Xunta tamén citará entre os días 2 e 15 de outubro a aqueles nenos/as nados desde o pasado 1 de abril de 2023.
Por outra banda, as sete áreas sanitarias galegas convocarán, tamén desde o 25 de setembro, aos nenos prematuros (nados desde o 1 de outubro de 2021), e aos nenos de alto risco (cardiopatías, displasia broncopulmonar, etc) con menos de 24 meses.
Está previsto que se lle administre o anticorpo do VRS a máis de 15.000 nenos e nenas.