A Xunta e Baía Edicións promoven a literatura infantil non sexista na entrega do IV premio Fina Casalderrey a Adelaida Vidal
A escritora e psicóloga coruñesa faise co galardón, dotado con 2.500 euros, polo seu libro “E que vai ser?”
O secretario xeral de Política Lingüística participa no acto de entrega co alumnado de 6º de infantil do Colexio Apóstolo Santiago
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe no acto de entrega do IV Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade á escritora coruñesa Adelaida Vidal, premiada polo libro E que vai ser?. O galardón, convocado cada ano por Baia Edicións co apoio da Xunta de Galicia, promove a educación en igualdade ao tempo que busca render homenaxe a todas aquelas persoas que apostan por escribir literatura infantil non sexista.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades dirixiuse ao alumnado de 6º de infantil do Colexio Apóstolo Santiago, que asistiu como público tras traballar o libro premiado na clase. Valentín García animou os nenos e nenas “a ler en galego e a aprender dos libros comportamentos non sexistas, que redundarán nunha mellora da convivencia e nunha sociedade máis xusta”. O secretario xeral tivo tamén palabras para a autora, a quen lle deu os parabéns e animou a seguir escribindo “para divertir e transmitir modelos de conduta que fomenten a igualdade”.
Canda Valentín García tamén participaron nesta entrega a directora de Baía Edicións, Belén López Vázquez, e a propia galardoada, Adelaida Vidal.
Reflexión sobre os estereotipos de xénero
E que vai ser? foi escollida polo xurado pola súa “historia divertida, contada en verso, que posibilita o diálogo entre a familia e as crianzas nas primeiras idades”. Empregando maxistralmente a linguaxe inclusiva, o texto de Adelaida Vidal, enriquecido coas ilustracións de María Montes, “fainos reflexionar sobre os estereotipos de xénero que proxectamos nas e nos bebés desde o momento da concepción”.
Na historia, un bebé escoita desde o inicio da súa xestación como a nai ten que responder da forma máis sorprendente a familiares e amizades que lle preguntan constantemente que vai ser ela unha vez naza, para o que a escritora “fai un hábil uso do humor e a retranca”.
Sobre a autora e a ilustradora
Adelaida Vidal (A Coruña, 1986) é titulada superior en Arte Dramática e graduada en Psicoloxía. Na actualidade, combina os seus labores como psicóloga no ámbito da protección á infancia coa escrita, na que conseguiu o Premio Risco de Creación Literaria no 2011 pola súa novela Olladas, así como o Premio Historias de Mulleres polo relato Ruby Woo, no 2020.
Pola súa parte, María Miramontes (Pontevedra, 1987) é bióloga e máster en Biotecnoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, polo que tamén combina os seus dous oficios, a veterinaria e a ilustración.
Entre os seus traballos están a reedición da obra A Brétema (Urco Editora, 2018), de María Victoria Moreno; Irmá paxaro (Cuarto de Inverno, 2020), da poeta Tamara Andrés, ou Unha nova dimensión (Xerais, 2022), de Anxo Iglesias.