Un total de 141 persoas preséntanse ás probas para acceder á bolsa autonómica de tesoureiros, interventores e secretarios municipais

As probas, tipo test, realizáronse esta tarde na Escola Galega de Administración Pública

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2018
  • whatsapp

Un total de 141 persoas presentáronse hoxe ás probas que permiten acceder á bolsa autonómica de persoal interino para desempeñar postos de habilitación nacional nos concellos galegos e poder cubrir así as prazas vacantes de tesoureiros, interventores e secretarios municipais.

Na Orde do 30 de novembro de 2017, a Xunta estableceu o procedemento a seguir para a selección e nomeamento de persoal interino para estes postos. Entre os requisitos, establecíase a necesidade de que os candidatos pasasen unha proba tipo test, que é a que se celebrou hoxe na Escola Galega de Administración Pública.

Ademais deste requisito, os solicitantes deberán ter nacionalidade española (tal e como esixe o Real Decreto 543/2001); estar en posesión, ou estar en condicións de obter a titulación académica esixida para o acceso á correspondente subescala de acordo co previsto no artigo 22 do Real decreto 1174/1987; acreditar o coñecemento da lingua galega co nivel Celga 4 ou equivalente; e superar un curso de formación de seis semanas.


Coa creación dunha bolsa autonómica de interinos, o obxectivo do Goberno galego é permitir ás entidades locais cubrir as vacantes de funcionarios de habilitación de carácter nacional de forma áxil e eficaz, sen que teñan que soportar o custe económico que supón a realización dun proceso selectivo para cubrir cada unha das vacantes que se produzan e con respecto absoluto á súa autonomía local.


As entidades locais galegas poden solicitar voluntariamente a cobertura destes postos polo sistema que se prevé nesta orde cando non sexa posible a súa provisión de xeito definitivo ou mediante nomeamento provisional, comisión de servizos ou acumulación.