Case 400 empregados públicos participarán nas oposicións para lograr un ascenso ou un cambio de categoría

Todos eles solicitaron participar nestes procesos selectivos, que facilitan a progresión profesional do traballador e a conciliación da súa vida familiar e laboral

As persoas que superen estas oposicións reforzarán os centros de servizos sociais e o servizo de loita contra os incendios forestais, entre outras áreas

A Xunta xa convocou a semana pasada outras 600 prazas de emprego público
 

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2018
  • whatsapp

Un total de 386 empregados públicos participarán nas oposicións de promoción interna para lograr un ascenso ou un cambio de categoría, segundo as listas definitivas de persoas admitidas e excluídas publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). Todas as persoas solicitaron participar nestes procesos co obxectivo de obter unha nova praza en categorías dos grupos IV e V de persoal laboral fixo.

Estes procesos selectivos teñen como obxectivo facilitar a progresión profesional dos empregados públicos da Administración autonómica, e a conciliación da súa vida familiar e laboral. As persoas que superen estas oposicións reforzarán áreas de actuación prioritarias coma os centros de servizos sociais ou o servizo de loita contra os incendios forestais.

As convocatorias destas oposicións publicáronse en setembro de 2017 e incluían 266 prazas de promoción interna, das que 126 corresponden ao grupo IV da Administración autonómica, e 140 ao grupo V. Do total, 16 prazas son para persoas con discapacidade, nove delas para auxiliar de enfermaría e sete para camareiro/a-limpador/a - axudante/a cociña.

Para a categoría de auxiliar de enfermaría (grupo IV) convocáronse 96 prazas, con 46 persoas admitidas, e para a de bombeiro/a forestal-condutor/a de motobomba (grupo IV) convocáronse 30 prazas, con 84 aspirantes admitidos. Na categoría de camareiro/a-limpador/a – axudante de cociña (grupo V) convocáronse 76 postos, con 57 admitidos.

Na categoría de bombeiro/a forestal (grupo V) convocáronse 22 prazas e foron admitidos 23 aspirantes, e para bombeiro/a forestal-condutor (grupo V) convocáronse 22 postos e houbo 44 admitidos. Ademais, convocáronse 10 prazas para vixilante fixo/a de defensa contra incendios forestais (grupo V) con 49 persoas admitidas; e outras 10 prazas para emisorista de defensa contra incendios forestais (grupo V), para as que houbo 83 aspirantes admitidos.

As relacións de persoas admitidas nestas oposicións pódense consultar no portal web funcionpublica.xunta.gal, mentres que as relacións de persoas excluídas, con indicación da causa de exclusión, pódense consultar no DOG de hoxe e no portal funcionpublica.xunta.gal.

Novas convocatorias de oposicións

Estas oposicións súmanse aos 18 procesos selectivos convocados a semana pasada pola Xunta para cubrir 614 prazas de emprego público en varias áreas da Administración; a maior convocatoria simultánea de oposicións no eido da Administración xeral nos últimos anos.

Podes consultar aquí as publicacións do DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180314/AnuncioCA01-060318-0007_gl.pdf
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180314/AnuncioCA01-060318-0006_gl.pdf
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180314/AnuncioCA01-060318-0005_gl.pdf
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180314/AnuncioCA01-060318-0004_gl.pdf
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180314/AnuncioCA01-060318-0003_gl.pdf
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180314/AnuncioCA01-060318-0002_gl.pdf
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180314/AnuncioCA01-060318-0001_gl.pdf
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/03/2018