O persoal da Xunta de Galicia a 1 de xaneiro medra ata os 87.315 efectivos, 320 máis que o ano anterior

O maior volume de traballadores concéntrase na sanidade pública, que acada a cifra de efectivos máis alta da historia de Galicia

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2019

O persoal da Xunta de Galicia a 1 de xaneiro de 2019 medra ata os 87.315 efectivos, o que supón un incremento de 320 empregados públicos en comparación coa mesma data de 2018. Así consta nos datos remitidos pola Administración autonómica ao Ministerio de Política Territorial, para a súa inclusión no Boletín do Rexistro Central de Persoal.

O maior volume de efectivos públicos na Xunta de Galicia concéntrase na área de institucións sanitarias. O número de empregados dependentes da Xunta na sanidade pública ascende a 35.136 efectivos, cun incremento de 592 traballadores respecto a un ano antes. Con este aumento de persoal –do 1,7%–, a cifra de efectivos na sanidade pública de Galicia é o máis elevado da historia, superando a cifra do ano 2009.

No ensino, os datos oficiais mostran que o cadro de persoal nos centros educativos mantense totalmente estable, xa a diminución de efectivos é inferior ao 0,2%. Co volume de empregados públicos que mantén a Xunta, de 33.877 persoas, garántase que Galicia siga sendo a comunidade autónoma coa mellor ratio profesor/alumno de toda España.

En canto ao ámbito de consellerías, o número de efectivos descende en 244 persoas, unha baixada que se explica polo número de traballadores que accede á idade de xubilación, e cuxo ritmo de reposición está a ser máis lento como consecuencia das taxas de reposición establecidas na lexislación do Estado. Finalmente, no eido da Xustiza rexistrouse un incremento de 23 efectivos respecto ao ano anterior.

 

 
1-Xaneiro 2018

1-Xaneiro 2019

Diferencia 2018/2019

Persoal na Sanidade pública

34.544
35.136
+592

Persoal no Ensino público

33.928
33.877
-51

Persoal de Consellerías 

15.735
15.491
-244

Persoal de Xustiza

2.788
2.811
+23
PERSOAL XUNTA
86.995
87.315
+320


 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/05/2019