A Xunta porá en marcha en 2020 un Plan de capacitación dixital do empregado público

É un do obxectivos recollidos na recentemente aprobada Lei de Administración Dixital de Galicia

As directoras da Amtega e da EGAP xunto co presidente do CPEIG inauguraron hoxe unha nova edición do Curso Superior en Administración Electrónica

Un total de 80 profesionais da Administración galega participan neste itinerario formativo que rematará o 22 de outubro

A Amtega e a EGAP ofrecen este ano máis de 1.800 horas de formación para acompañar aos profesionais públicos no proceso de transformación dixital que se está a abordar

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2019

A Administración autonómica contará cun Plan de capacitación dixital do empregado público dirixido a todas as persoas que traballan nas administracións públicas galegas e que permitirá acadar o certificado galego de competencias dixitais. Así o adiantou esta mañá a directora da Amtega, Mar Pereira, na inauguración do Curso Superior de Administración Electrónica, na que tamén interviñeron a directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, e o presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez.

Máis formación, maior niveis de uso

A responsable da estratexia dixital autonómica sinalou que se está a traballar na concreción deste marco de competencias dixitais, recollido na Lei de Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA), e que se prevé que estea regulado no 2020. Neste sentido, destacou a importancia da formación no proceso de transformación dixital e lembrou que este ano, grazas á colaboración entre a EGAP e a Amtega, a oferta formativa supera as 1.800 horas en diferentes cursos sobre Administración electrónica e seguridade.

A directora da Amtega subliñou que o acceso dos empregados públicos á formación é chave para que poidan desempeñar a súas funcións nun contexto dixital e intensificar o uso dos servizos dixitais.

O sistema de indicadores do Plan de Goberno e Administración Dixitais 2020 apunta a un incremento no uso dos servizos dixitais tanto dentro e fóra da Administración. A nivel interno no primeiro semestre do ano os empregados públicos realizaron 4,7 millóns de consultas á Plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, 32% máis que en 2018; rexistráronse máis de 233.000 notificacións electrónicas, un 41% máis que no mesmo semestre de 2018 e asinaron máis de 1,8 millóns de documentos electrónicamente, preto do dobre que o ano anterior. Por parte dos cidadáns mantense o incremento da xestións online coa Xunta fronte ás presenciais.

Por outra banda, a directora da EGAP sinalou a importancia da formación do persoal empregado público para poder afrontar os retos tecnolóxicos e normativos que está a supoñer a administración dixital. Neste senso, destacou o proxecto Universo EGAP innova, unha nova iniciativa da Escola que ten como finalidade contribuír á implantación da administración electrónica a través dunha formación práctica, colaborativa e dinámica que implique ao alumnado. No marco deste proxecto, o pasado venres convocouse no DOG o primeiro dos E-martes, no que 50 persoas accederán a unha xornada práctica sobre o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

Curso Superior de Administración Electrónica

Un total de 80 empregados públicos participarán ata o 22 de outubro no curso inaugurado hoxe, e que lles permitirá afondar na concepción da Administración electrónica desde unha perspectiva técnico-xurídica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións da Comunidade. O curso ofrece 30 horas na modalidade semipresencial e 84 en teleformación.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/09/2019