O Sergas convoca para elixir destino a un total de 241 médicos de familia de atención primaria que superaron a oposición

Tamén están convocados os aspirantes seleccionados nos procesos selectivos para o ingreso en outras catro categorías de persoal estatutario, ata completar un total de 281 profesionais citados

O acto de elección de destino realizarase o 26 de outubro para a categoría de médico de familia e o 25 de outubro para o resto de categorías

Está previsto que tomen posesión o vindeiro mes de novembro

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2019

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, unha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se aproba a relación de prazas que se ofertan e se convoca para o acto de elección de destino ás persoas aspirantes seleccionadas no proceso selectivo para o ingreso en cinco categorías de persoal estatutario. Trátase das categorías de médico de familia de atención primaria, técnico superior en documentación sanitaria, enxeñeiro técnico, grupo técnico da función administrativa e grupo de xestión da función administrativa.

En total están convocados ao acto de elección de destino 281 profesionais. Deste total, 241 corresponden á categoría de médico de familia, 18 ao grupo de xestión da función administrativa, 9 ao grupo técnico da función administrativa, 7 á categoría de enxeñeiro técnico e 6 á categoría de técnico superior en documentación sanitaria.

O acto de elección de destino celebrarase a vindeira semana no salón de actos da Consellería de Sanidade. En concreto, o día 25 de outubro ás 12,30 horas están convocados os seleccionados definitivamente nas categorías de enxeñeiro técnico, grupo técnico da función administrativa, grupo de xestión da función administrativa e técnico superior en documentación sanitaria. O día 26 de outubro, a partir das 10,00 horas, están citados a este acto de elección os aspirantes seleccionados na categoría de médico de familia de atención primaria.

Está previsto que a toma de posesión dos destinos adxudicados teña lugar no mes de novembro.

Por centros, as estruturas organizativas de xestión integrada da Coruña e Vigo, concentran o maior número de prazas ofertadas, cun total de 49 e 52 prazas respectivamente.

As persoas aspirantes deberán comparecer ao acto de elección de destino, na data e horas sinaladas, provistas de documento nacional de identidade ou documento válido que acredite de modo fidedigno a súa personalidade.

A elección de destino terá lugar en único chamamento e acto público. Aqueles aspirantes que non poidan comparecer persoalmente poderán ser representados por terceiras persoas provistas de poder suficiente. Só se reputará válido para tales efectos poder notarial ou poder conferido con tal obxecto ante o órgano responsable de recursos humanos dos centros do Servizo Galego de Saúde.

O aspirante seleccionado que non opte por un destino, na data e de acordo ao procedemento establecido, non poderá ser nomeado, e quedarán sen efecto, todas as súas actuacións.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/10/2019