A Xunta presenta aos funcionarios da Delegación de Ourense o funcionamento do Sistema Electrónico de Atención á Cidadanía

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, participou hoxe na última xornada desta formación

A implantación desta ferramenta permite realizar toda a tramitación de forma electrónica, o que contribúe a consolidar unha administración moderna e transparente

Ourense, 14 de novembro de 2019

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, participou hoxe na formación sobre o Sistema Electrónico de Atención á Cidadanía (SIACI) que se impartiu hoxe na delegación territorial da Xunta en Ourense. Trátase da última xornada formativa destinada a máis de 200 funcionarios delegacións do Goberno galego que xa se levaron a cabo en Lugo, Pontevedra, Vigo e A Coruña.

Nos últimos meses tamén comezaron a empregar esta ferramenta electrónica transversal e única outros 100 empregados da Presidencia, da Vicepresidencia e das delegacións territoriais noutra xornada o pasado setembro, xunto con outros 500 empregados públicos das consellerías da Xunta que se formaron neste sistema o mes pasado.

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa destacou que co SIACI, desde un único punto, poderá darse resposta ás queixas e suxestións, así como ás solicitudes de información xeral e particular e de acceso á información pública. Desta forma, como toda a tramitación é electrónica, contribúese a eliminar o papel e consolidar unha administración moderna, transparente e áxil.

Natalia Prieto incidiu en que a implantación desta solución tecnolóxica unificará os mecanismos da Administración para atención á cidadanía, garantindo a ordenación e a simplificación dos procedementos, ao mesmo tempo que se optimizan a xestión de tarefas e se reducen os prazos de resposta.

Con este sistema multicanle, os cidadáns poderán presentar as súas solicitudes de información e as súas queixas e suxestións á Administración autonómica a través da sede electrónica da Xunta, de forma presencial nas Oficinas de Atención á cidadanía ou rexistro ou no teléfono 012. Ademais, os usuarios terán a posibilidade de coñecer o estado das súas solicitudes a través da Carpeta do cidadán.

O servizo xa empezou a funcionar o mes pasado e está previsto que estea operativo en toda a Administración autonómica durante o primeiro trimestre de 2020 para que poida ser empregado por todo o sector público da comunidade, tanto nos servizos centrais, como territoriais ou entidades instrumentais.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/11/2019