O DOG publica hoxe as listas provisionais de admitidos na bolsa de emprego temporal da Administración galega

Estas listas son utilizadas pola Xunta para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos

O número de novas solicitudes presentadas para incorporarse á bolsa neste período foi de 13.787

Tamén se publican as listas de admitidos provisionais para as categorías de xerocultor e persoal de servizos xerais, que se abriron por primeira vez este ano

As listas poden consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia e os interesados teñen dez días hábiles para presentar reclamacións

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2019

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as listas de admitidos provisionais nas bolsas de emprego temporal da Administración galega. Estas listas son utilizadas pola Xunta para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos. O prazo de inscrición nestas listas este ano entre o 1 de marzo e o 15 de xullo.

Calquera persoa que cumpra os requisitos de titulación pode anotarse nas bolsas abertas para o nomeamento de funcionarios interinos e a contratación de persoal laboral temporal da Xunta de Galicia.

Algunhas das listas que figuraban abertas este ano eran as de veterinarios, escala superior e escala técnica de finanzas, médico xeriatra, enfermeiro, fisioterapeuta, director de gardería infantil, xefe de cociña, auxiliar de clínica, auxiliar de fogar, bombeiro forestal ou bombeiro forestal condutor. O número total de novas solicitudes presentadas para incorporarse neste período foi de 13.787.

No caso daquelas listas que permanecen pechadas, as persoas interesadas que superaran algunha proba do último proceso selectivo ou prestaran servizos na Xunta para a lista correspondente a unha categoría, corpo, escala ou especialidade, poden presentar sempre a solicitude de inclusión mentres o prazo estea aberto.

As listas provisionais poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia,  apartado de <Listas de contratación>; no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012; e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galicia. As persoas interesadas que así o desexen disporán dun prazo de dez días hábiles desde a publicación das listas no DOG para presentar reclamacións.

Hai que ter en conta que ata o momento, o número de inscricións nas listas de contratación da Xunta de Galicia superaba xa as 146.000. Só no ano 2018, con cargo a estas listas realizáronse máis de 30.000 chamamentos para prestar servizos de carácter temporal na Administración autonómica; e neste ano xa no mes de novembro superouse esa cifra.


O acceso ao emprego temporal na Xunta realízase a través do nomeamento de persoal funcionario interino ou de contratación temporal de persoal laboral. En ambos casos, as persoas seleccionadas proceden das listas elaboradas para este efecto. A orde na que figuran as persoas inscritas depende dos méritos que reúnan, de acordo co baremo que figure na convocatoria.

 

Xerocultor e persoal de servizos xerais

Ao mesmo tempo, o DOG tamén publica hoxe as listas provisionais de admitidos nas bolsas de emprego temporal para as categorías profesionais de xerocultor/a e de persoal de servizos xerais que reforzarán as áreas de benestar da Administración galega. O prazo de presentación de solicitudes nestas listas abriuse o 19 de marzo e rematou o 30 de abril; e o número de solicitudes presentadas para incorporarse ascende a 5.684.

A Xunta abriu por primeira vez en 2019 estas dúas listas no marco do acordo de integración do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no V Convenio do persoal laboral da Xunta de Galicia subscrito no 2017 entre a Administración galega e as organizacións sindicais.

As listas provisionais destas categorías tamén poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012; e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galicia. As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles desde a publicación das listas no DOG para presentar reclamacións

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/12/2019