Preto de 11.000 empregados públicos da administración autonómica teñen acceso ao teletraballo

A activación de 10.000 conexións para o traballo a distancia nos últimos quince días, xunto coas ferramentas para a tramitación electrónica garanten a continuidade da administración online

Nestes días asináronse dixitalmente 82.000 documentos, incrementáronse nun 86% as consultas á plataforma de interoperabilidade e chegaron a duplicarse as notificacións electrónicas

Realizáronse máis de 500 sesións de videoconferencia, nas que interviñeron preto de 2000 empregados públicos

Vén de publicarse unha guía específica para a xestión do teletraballo na Administración autonómica

Reforzáronse as infraestruturas TIC para garantir a dispoñibilidade das canles telemáticas para os cidadáns como a sede electrónica, cuxo uso aumentou máis dun 61% nalgunha xornada

Para facilitar as xestións online ampliouse o período de validez do sistema Chave 365 durante o tempo que dure o estado de alarma

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2020

Un total de 11.000 empregados públicos da Administración xeral autonómica poden traballar desde a casa a día de hoxe. Nos últimos 15 días a Xunta multiplicou por dez o número destas conexións ao escritorio remoto, que permiten, tamén, o acceso as plataformas de tramitación electrónica de expedientes coas que conta a Administración autonómica.

Esta media, xunto co reforzo das infraestruturas TIC, forman parte do Plan de Continxencia Tecnolóxica que a Xunta puxo en marcha para garantir o funcionamento dos servizos dixitais e a relación telemática dos cidadáns coa Administración durante a crise do coronavirus.

Máis uso das plataformas de tramitación electrónica

Desde a entrada en vigor da situación de emerxencia sanitaria en Galicia boa parte ferramentas que posibilitan a tramitación electrónica de expedientes experimentaron un incremento de uso.

A plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, que permite a consulta de documentos e certificados que xa obra en poder da Administración (DNI, títulos, certificados bancario..) incrementou nun 86% o número de consultas; as notificacións telemáticas chegaron a duplicarse respecto aos valores habituais superando as 13.000 nalgunha xornada. As plataformas para a sinatura dixital permitiron a rúbrica electrónica de máis 82.000 documentos. O volume de correos electrónicos acadou incrementos de ata o 90%.

Ademais das plataformas existentes, para facilitar o traballo non presencial a Xunta puxo a disposición dos empregados públicos outros servizos dixitais como o de videoconferencia, que permitiu más de 500 xuntanzas de traballo online durante este período, nas que participaron preto de 2000 persoas.

Cómpre lembrar que os empregados públicos continúan tendo á súa disposición os Centros de Atención ao Usuario, que ampliaron o seu horario e garantes o soporte telemático ante dúbidas ou incidencias.

Como apoio complementario a Xunta vén de publicar unha guía específica sobre o teletraballo para empregados públicos, dispoñible no portal corporativo e na intranet, na que poden atopar información sobre ferramentas, necesidades e tecnoloxías que posibilitan o traballo en remoto.

Sede electrónica, Chave 365

A sede electrónica e as oficinas virtuais da Xunta son, nese momento, as portas de entrada á Administración na Rede para a xestión online. A súa dispoñibilidade é clave para garantir a relación telemática dos cidadáns coa Administración e a xestión daqueles trámites abertos nese momento, como a presentación de ERTES ou a solicitude de axudas como as de comedores escolares. O uso da sede electrónica acadou nestes días incrementos no seu uso superiores ao 61%.

Para facilitar a xestión online dos cidadáns, a Xunta vén de ampliar o período de validez do sistema Chave 365 a aqueles usuarios que lles expire durante o estado de alarma e polo tempo que dure o mesmo. Ademais, exime aos usuarios da obrigatoriedade de modificar anualmente a clave de acceso. As persoas ás que lles corresponda realizar este cambio durante a vixencia do estado de alarma poderán seguir utilizando o sistema mentres se manteña esta situación.

Chave 365 é un sistema de claves concertadas a través do móbil que permite a xestión online sen ter que empregar o DNI electrónico ou os certificados dixitais.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/04/2020