O Sergas publica os decretos de oferta de emprego público de persoal estatutario e funcionario sanitario correspondentes ao ano 2020

O número total de prazas de prazas autorizadas é de 985, das cales, 973 corresponden a persoal estatutario e 12 a persoal sanitario funcionario

Santiago de Compostela, 24 de decembro de 2020

O Servizo Galego de Saúde vén de publicar recentemente, no Diario Oficial de Galicia, os decretos de oferta de emprego público de prazas de persoal sanitario funcionario e estatutario, correspondentes ao ano 2020, aprobados en datas recentes polo Consello da Xunta. Ambos decretos esgotan a taxa máxima de reposición de efectivos autorizada pola lexislación básica orzamentaria.

Unha ampla oferta, de preto de mil prazas, das que 973 corresponden a persoal estatutario e 12 a persoal sanitario funcionario das clases de saúde pública e administración sanitaria.

Das 973 correspondentes a persoal estatutario, 652 pertencen a categorías médicas (497 a 41 especialidades de facultativo de área, 7 a médico asistencial de 061, 3 a médico coordinador do 061, 3 a médico de admisión e documentación clínica, 83 a médico de familia, 20 a médico de urxencias hospitalarias, 4 a odontólogo de AP e 35 a pediatra de AP); 275 a persoal diplomado sanitario e de formación profesional (164 a enfermeiro, 21 a enfermeiro especialista en enfermería familiar e comunitaria, 17 a matrona, 17 a enfermería de saúde mental, 30 a fisioterapeuta, 20 a técnico de farmacia e 6 a terapeuta ocupacional); e 46 a persoal de xestión e servizos, das categorías de grupo técnico e xestión da función administrativa, pinche e traballador social. Todas elas reforzarán áreas prioritarias de actividade.

En cumprimento do acordo unánime da Mesa Sectorial, adoptado na reunión celebrada o 14 de decembro, vense de publicar, no Diario Oficial de Galicia, a ampliación de prazas das convocatorias de concurso oposición do 13 de decembro de 2019, de forma que se sumarán ás 490 prazas de persoal licenciado sanitario convocadas o ano pasado, 506 novas prazas derivadas do decreto de oferta de emprego público do ano 2020, o que permitirá acadar un total de 996 prazas de médicos.

Así mesmo incrementarase a convocatoria de técnico en farmacia en 10 prazas máis, terapeuta ocupacional en 6 e a de pinche en 10 prazas máis.


Con esta publicación reábrese o prazo para a presentación de solicitudes de participación naquelas categorías/especialidades nas que se incrementa o número de prazas. O novo prazo de inscrición está comprendido entre o 23 de decembro de 2020 e o 22 de xaneiro de 2021, ambas datas incluídas.

Aquelas persoas aspirantes que tiveran presentado a súa solicitude de participación no prazo inicial de inscrición comprendido entre o 28 de decembro de 2019 e o 31 de xaneiro de 2020, non terán que presentar nova instancia de participación nin achegar ningunha documentación, agás que desexen modificar a quenda de acceso; o que poderán efectuar mediante a formalización a través de Fides/expedient-e dunha nova solicitude de participación, que deixará se efecto a inicialmente presentada, e na cal deberá detallarse a nova quenda solicitada.

As bases, estrutura do proceso (concurso-oposición), temarios, exercicios, baremos, procedemento e prazos de acreditación de méritos serán os aprobados por Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 13 de decembro de 2019, de convocatoria do proceso, que non se verá modificada en ningún aspecto, agás no incremento do número de prazas convocadas.

Este aumento de prazas e a súa acumulación ao proceso selectivo xa convocado permitirá a incorporación dun maior número de profesionais fixos nun menor espazo de tempo. Isto redundará nunha maior estabilidade dos equipos de traballo ao tempo que fará a participación no proceso selectivo máis atractiva para os aspirantes, ao ver incrementado o número de prazas e por tanto as súas expectativas ademais de evitar a súa participación en dous procesos distintos nun espazo temporal moi próximo.

Data de actualización: 24/12/2020