A AGASP inicia hoxe o curso de formación da 13ª promoción de Policía Local con todas as medidas de seguridade ante a covid-19

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou nesta primeira xornada aos 95 alumnos que recibirán na Academia a formación necesaria antes de elixir destino e ser contratados polos 35 concellos que ofertan praza

A Academia retoma as clases coa máxima seguridade e volve a aplicar neste curso tódolos protocolos ante o coronavirus despois de levar a cabo o ano pasado as actuacións necesarias para adaptar as instalacións á nova situación

A Xunta colabora desde 2017 cos concellos na organización dos procesos de selección unificados dos corpos das policías locais e na súa formación
 

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2021.- O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe aos 95 alumnos da 13ª promoción de Policía Local que comezaron hoxe as clases na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) despois de superar tódalas probas do proceso selectivo. A Academia retoma a actividade lectiva coa máxima seguridade e, ao igual que o ano pasado, volverá a aplicar neste curso tódalas medidas de prevención ante a covid-19. Ademais, tras a adaptación das instalacións en 2020 para garantir a distancia de seguridade en todo o momento, acollerá de novo aos alumnos con tódalas garantías.

En canto ás medidas de prevención, os usuarios deberán levar máscaras nas clases e zonas comúns e estableceranse capacidades máximas en espazos como o ximnasio, a sala de lecer ou a cafetaría con horarios e quendas diferenciadas co obxectivo de evitar aglomeracións.

Os alumnos comezarán hoxe a parte teórica da formación ata o 9 de xullo, cando se incorporarán aos seus concellos para iniciar o primeiro período de prácticas ata o 5 de setembro. En setembro volverán ás aulas ata finais de decembro e desde finais de ano a finais de xaneiro de 2022 finalizarán co segundo período de prácticas o curso básico de Policía Local nos seus municipios de procedencia.

A AGASP formará así aos aspirantes que pasarán a cubrir as 94 prazas convocadas por 35 concellos galegos neste ano. A Xunta colabora desde 2017 cos concellos galegos na selección e formación dos membros da Policía Local, a través dun convenio asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Ata agora, 84 municipios dos 129 con corpo de Policía Local delegaron no Goberno central a selección dos seus policías locais mediante oposicións unificadas.

Nesta liña, continúa tamén o proceso selectivo para optar a 104 prazas de auxiliares de Policía Local en 27 concellos. Os aspirantes aptos nas probas físicas e teóricas iniciarán tamén este mes un curso de formación teórico-práctico obrigatorio na Academia antes de poder elixir destino e ser contratados polos concellos.

Santiago Villanueva destacou a importancia da AGASP como centro de referencia na formación dos corpos e forzas de seguridade e emerxencias. Ademais de formar as distintas promocións de policías locais e de mandos, así como auxiliares, conta cun plan de formación continua dirixidos a membros das forzas de seguridade con destino en Galicia e a profesionais de emerxencias para actualizar os seus coñecementos e “prestar un servizo público eficiente e de calidade”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 31/05/2021