O Sergas publica os resultados definitivos do proceso de actualización das listas de selección temporal de diversas categorías

Xeráronse un total de 5.168 inscricións, sumando as do anterior proceso e as de nova xeración

A categoría con maior número de solicitudes é a de pasador de ferro con 812 inscricións

Resultan excluídas do proceso o 2,26% das solicitudes de participación

O 11,38% foron novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2021-

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a relación definitiva de admitidos e excluídos e os resultados definitivos de baremación no proceso de actualización das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario: albanel, calefactor, carpinteiro, cociñeiro, condutor, costureiro, electricista, fontaneiro, lavandeiro, mecánico, pasador de ferro, perruqueiro e telefonista.
As listas definitivas de admitidos e excluídos coa asignación da puntuación definitiva e a orde de prelación acadada, atópanse publicadas na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Os aspirantes poden consultar desde hoxe, no seu expediente electrónico persoal (Fides/expedient-e) a súa posición e o número de orde nas listas xeradas; así como de ser o caso, as causas de rexeitamento dalgún dos méritos presentados, dotando de total transparencia ao proceso de selección.
As listas entran en vigor o día 29 de xuño.

Próximas publicacións

Proximamente, publicaranse as listas definitivas das seguintes categorías: enxeñeiro técnico, grupo de xestión da función administrativa, grupo técnico da función administrativa, técnico de grao medio en prevención de riscos laborais, técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información, técnico superior de prevención de riscos laborais e técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información. Ademais, publicaranse as listas definitivas do proceso de actualización correspondente ás clases de funcionarios sanitarios da Lei 17: ATS/DUE, farmacéutico inspector de Saúde Pública, inspector farmacéutico, inspector médico, licenciado sanitario e subinspector sanitario.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/06/2021