O conselleiro de Sanidade destaca que neste ano incorporáronse ao cadro de persoal do Sergas un total de 1.640 profesionais

Julio García Comesaña sinalou que, no primeiro semestre do próximo ano, está prevista a realización das probas selectivas para o acceso a 24 categorías

En todas as probas celebradas ata a data, a participación foi alta, situándose de media nunha porcentaxe superior ao 80%
 

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou hoxe o Recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda, onde tivo lugar a última das probas selectivas do Servizo Galego de Saúde para cubrir 1.311 prazas de 48 categorías/especialidades. Os convocados para este día eran os aspirantes da categoría de técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico. Dos 1.522 convocados hoxe acudiron 1.215, o que supón unha participación do 79,8%.
Na xornada tamén estivo presente a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez.
Tal e como destacou o conselleiro, no ano 2021 incorporáronse ao cadro de persoal fixo do Sergas un total de 1.640 profesionais, dos que 254 son médicos de familia, 93 pediatras de primaria; 7 odontólogos tamén de primaria; 126 persoal de servizos xerais; 71 fisioterapeutas; 772 técnicos en coidados auxiliares de enfermería; 89 matronas; 2 persoal de enfermería especialista en enfermería do traballo; 30 en enfermería familiar e comunitaria; 30 en enfermería de saúde mental; e 166 en enfermería pediátrica.
Durante este ano, -remarcou García Comesaña-, o Sergas desenvolveu as probas selectivas para o acceso a 49 categorías/especialidades de persoal estatutario, co obxecto de cubrir un total de 1.320 prazas.
No segundo semestre de 2021, desde o 18 de setembro ata o 24 de outubro, distribuídas en oito xornadas de exame, realizáronse os exercicios da fase de oposición para a cobertura dun total de 1.311 prazas, das que 892 corresponden a 39 especialidades de facultativo de área, 89 a médico de urxencias hospitalarias, 10 a médico asistencial do 061 e cinco a médico de admisión e documentación clínica. Así mesmo, desenvolvéronse os exercicios para cubrir 315 prazas de técnico sanitario das especialidades de farmacia, laboratorio de diagnóstico clínico, imaxe para o diagnóstico, hixiene bucodental, anatomía patolóxica e citoloxía e radioterapia.
En todas as probas celebradas ata a data, -subliñou o conselleiro-, a participación foi alta, situándose de media nunha porcentaxe superior ao 80%.

Novas probas no primeiros semestre de 2022

García Comesaña sinalou que, no primeiro semestre do próximo ano, está prevista a realización das probas selectivas para o acceso a 24 categorías de persoal de xestión e servizos, pertencentes aos colectivos profesionais de mantemento, hostalería, traballo social e informática, así como facultativo especialista de área das especialidades de cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía pediátrica, cirurxía plástica, estética e reparadora, inmunoloxía e oncoloxía radioterápica, ademais de logopeda e terapeuta ocupacional.
Así mesmo, desenvolveranse novos procesos para o acceso a prazas reservadas a persoas que acrediten unha discapacidade intelectual, nas categorías de pinche e técnico en farmacia, con temarios e probas adaptadas, avanzando así na integración laboral deste colectivo.
O número de prazas convocadas é de 680, -dixo o conselleiro-.
Proximamente, procederase á publicación dos listados definitivos de admitidos e excluídos e a continuación ao nomeamento e constitución dos correspondentes tribunais de selección.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/10/2021