Rueda avanza unha oferta de máis de 10.000 prazas no proceso de estabilización de emprego

Do total de prazas, 8.701 faranse polo sistema de concurso de méritos e 1.635 a través dun concurso-oposición

Con esta oferta, que se publicará antes do vindeiro 1 de xuño, dáse cumprimento aos prazos marcados na Lei 20/21

A taxa de temporalidade situarase por debaixo do obxectivo do 8 % fixado pola lexislación do Estado

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

O Consello da Xunta aprobou hoxe, mércores, os decretos de Oferta de Emprego Público (OEP) da Administración Pública para a oferta de máis de 10.000 prazas no proceso de estabilización de emprego establecido na Lei 20/21 do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. A Lei distingue dous tipos de procesos: un de estabilización mediante o sistema de concurso de méritos no que se valorarán exclusivamente os méritos e outro a través do sistema de concurso-oposición que comporta a realización de exames.

Cómpre salientar que ás 10.022 iniciais, súmanse outras 314 prazas de estabilización ao incluir prazas do Consello Económico e Social, da AMTEGA  e doutros entes instrumentais e as alegacións presentadas polas Consellerías. Así, 8.701 seleccionaranse polo sistema de concurso de méritos e outras 1.635 a través dun concurso-oposición. O primeiro dos procesos empregarase para seleccionar todas as prazas que estivesen ocupadas de forma temporal e de xeito ininterrompido con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016, mentres que o segundo será de aplicación ás prazas ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente polo menos os tres anos anteriores ao 31 de decembro do ano 2020

Nesta liña, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aseverou que con esta oferta, que se publicará antes do vindeiro 1 de xuño, darase cumprimento ao establecido na Lei 20/21 de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. “Con esta oferta a taxa de temporalidade situarase moi por debaixo da media estatal”, abundou. 

As correspondentes convocatorias deberán publicarse antes do 31 de decembro deste ano. Así mesmo, resérvase para seu acceso pola quenda de discapacidade o 7 % do total das prazas que se inclúen na oferta. Coa incorporación de persoal fixo nestas prazas de estabilización, máis as prazas xa convocadas, a taxa de temporalidade situarase por debaixo do obxectivo do 8 % fixado pola lexislación do Estado.

Administración Xeral

No que se refire ao eido da Administración, das 6.480 prazas ofertadas, 4.641 correspóndense con prazas de emprego público na Administración Xeral e 1.839 con prazas das entidades do sector público autonómico. Dentro das entidades do sector público, 1.357 prazas pertencen ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, no que 1.195 serán susceptibles de seleccionarse polo sistema de concurso de méritos e 162 por concurso-oposición.

Sanidade

Pola súa banda, o número total de prazas que o Servizo Galego de Saúde vai ofertar é de 2.568, das que 760 cubriranse polo sistema de concurso-oposición e 1.808 polo procedemento excepcional de concurso.

Este novo proceso súmase ás 8.218 prazas ofertadas polo Sergas nos últimos dez anos, o que suporá logo da súa resolución, a incorporación de preto de 11.000 profesionais, con vínculo fixo, ás institucións sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia e que situará a taxa de temporalidade estrutural do organismo coa incorporación das ofertas públicas de emprego actualmente convocadas no 4,72 % dende o 23,55 actual.

Por categorías, 601 prazas corresponden a persoal licenciado sanitario, 733 a persoal diplomado sanitario. Ademais, de persoal sanitario de formación profesional a oferta ascende a 609 prazas, ás que hai que engadir 34 de persoal investigador.

Así mesmo, o Consello aprobou a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización de emprego temporal do persoal sanitario funcionario da escala de saúde pública. O número de prazas ofertadas é de nove, das que catro son de inspectores médicos, tres de farmacéuticos inspectores de saúde pública, ademais dunha de diplomado universitario de enfermería e outra de subinspector sanitario.

Ensino

No relativo á oferta de emprego público para postos docentes, aprobouse un total de 1.281 prazas. Delas, 1.156  son derivadas da aplicación das disposicións adicionais sexta e oitava da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. Desenvolveranse, segundo o indicado polo Goberno central, polo sistema de concurso de méritos, que se abrirá a partir do último trimestre do ano.

As restantes 125 prazas, derivadas da aplicación do artigo 2.1 da mesma lei estatal, desenvolveranse polo sistema de concurso-oposición, que se convocará no último trimestre do ano e cuxas probas se celebrarán o próximo verán.

Prevese rematar este proceso de estabilización en 2023 cunha taxa de interinidade docente do 6 % no conxunto das prazas. Cómpre lembrar que este proceso extraordinario é de obrigado cumprimento para Galicia, malia que a nosa comunidade xa cumpre neste momento o obxectivo de interinidade docente do 8 % que esixe o Goberno central para finais de 2024, mentres que a media estatal é do 25 %.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/05/2022